Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
A regueifa traspasa as fronteiras galegas para atoparse con novos públicos e escenarios. A través do teatro, o humor, a música e a improvisación, ‘Territorio Regueifa’ continúa amosando a vixencia dunha tradición oral que non entende de límites xeográficos.
Territorio Regueifa inicia esta semana unha nova etapa do seu percorrido escénico con dúas funcións en Euskadi. A primeira terá lugar este venres 6 de novembro no Centro Galego de Bizkaia, en Barakaldo, ás 20.45 h, e o domingo 8 o espectáculo chegará ao Casino de Laudio, ás 18.00 h.
Estas representacións supoñen a primeira saída de Galicia desde a estrea absoluta da proposta en Carballo, o pasado mes de febreiro. Un paso máis no percorrido dun espectáculo que leva a improvisación oral galega a novos contextos e públicos, demostrando a súa capacidade para conectar con persoas e territorios diversos.
Dirixido por José L. Prieto e protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira, Territorio Regueifa combina teatro, música, humor e creación en directo para achegar o público ás orixes da regueifa, á súa evolución e á súa presenza na actualidade. A proposta percorre distintas escenas arredor da palabra improvisada, incorpora a participación das persoas asistentes e explora as posibilidades desta tradición oral para dialogar co presente.
A regueifa, lonxe de quedar circunscrita ao territorio no que naceu e se desenvolveu, continúa a atopar novos espazos nos que expresarse e transformarse. Estas primeiras funcións fóra de Galicia abren así unha nova vía para o percorrido do espectáculo, que sumará máis datas nos vindeiros meses.
Todas as funcións en Euskadi son de entrada libre! Máis información en territorioregueifa.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.
‘A Lacena Pequena’ remata en Boqueixón o seu primeiro percorrido
O proxecto cultural itinerante pechará esta fin de semana a súa primeira ruta, despois de pasar por cinco concellos. A última parada será este sábado 31 de outubro en Lestedo, cunha xornada que combinará gastronomía, patrimonio, música e cultura popular.



