‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde

A función será de acceso libre ata completar o aforo, unha oportunidade para achegarse á regueifa e á improvisación oral galega a través do teatro, a música e o humor. A proposta combina divulgación e creación en directo para mostrar como esta tradición continúa viva e dialoga co presente.

Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira durante unha función de 'Territorio Regueifa'. Fotografía: Aigi Boga

O Auditorio Municipal do Val do Ubra acolle hoxe, 9 de outubro, ás 20.30 h, unha nova función de Territorio Regueifa. A entrada será de balde ata completar o aforo, co obxectivo de facilitar o acceso do público a unha proposta escénica que reivindica a palabra improvisada como parte do patrimonio cultural galego.

Dirixido por José L. Prieto e protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira, o espectáculo mestura teatro, música, humor e improvisación para percorrer a historia da regueifa, desde as súas orixes ata a súa presenza na actualidade. A través de diferentes escenas e situacións inesperadas, a proposta explora as posibilidades desta tradición oral e a súa capacidade para contar o mundo desde a retranca e a creatividade.

Cada representación constrúe unha experiencia propia, na que a palabra se crea en directo e o público forma parte do xogo escénico. Territorio Regueifa incorpora tamén reflexións sobre a evolución desta práctica e o papel das mulleres na improvisación rimada, amosando que a regueifa non é só unha tradición que se conserva, senón unha expresión cultural que segue medrando e transformándose.

A función de hoxe forma parte dunha xira que continuará durante o outono con dúas novas citas. O 6 de novembro, o espectáculo chegará ao Centro Galego de Bizkaia, en Barakaldo, na súa primeira representación fóra de Galicia. Máis adiante, o 19 de novembro, regresará aos escenarios galegos cunha función na Casa da Cultura de Bertamiráns, en Ames. As entradas para estas dúas citas estarán dispoñibles proximamente.

Desde a súa estrea absoluta en Carballo, Territorio Regueifa continúa achegando a improvisación oral a públicos e espazos diversos, combinando a forza dunha tradición popular cunha linguaxe escénica contemporánea.

Entrada anterior
Oferta de emprego para a incorporación dun perfil auxiliar de produción
Seguinte entrada
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » ‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.