‘Moi Animal’, o novo monólogo de Touriñán, suma novas funcións á súa primeira xira

O espectáculo continúa ampliando o seu percorrido antes mesmo de comezar a xira. A resposta do público levou a abrir novas funcións en varias das primeiras paradas e xa hai pases co cartel de completo.

Cartaz do espectáculo 'Moi Animal'.

A resposta do público ante Moi Animal, o novo monólogo de Xosé A. Touriñán, continúa medrando. A pouco máis dun mes para que comece a xira, o espectáculo xa esgotou localidades nalgunhas das súas primeiras funcións e abriu novos pases en diferentes cidades ante a demanda de entradas.

A xira pasará por máis de dez municipios, sendo Cee a primeira parada do percorrido, o 16 de outubro. Na vila mariñeira, a primeira función quedou completamente esgotada en cuestión de horas, e a forte resposta do público levou a abrir unha segunda, para a que aínda quedan localidades dispoñibles.

A esta ampliación súmanse novas funcións en Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa e A Coruña, onde a demanda levou a aumentar o número de pases previstos inicialmente. Algunhas destas primeiras funcións están xa practicamente completas e outras xa colgaron o cartel de esgotadas. Entre os escenarios que acollerán Moi Animal están espazos xa habituais na traxectoria de Touriñán, como o Auditorio Sede Afundación de Pontevedra, o Auditorio de Galicia ou Palexco.

Esta resposta chega antes mesmo de que Moi Animal se estree sobre as táboas. O espectáculo parte dunha pregunta sinxela: que relación temos os seres humanos co resto dos animais?, para construír unha mirada en clave de humor sobre as contradicións da especie humana. Queremos aos animais, convivimos con eles, humanizámolos e protexémolos, pero tamén os comemos ou somos capaces de declararlle a guerra a un mosquito ás tres da mañá.

Desde a aldea e os animais de compañía ata os lobos, os vexetarianos, a empatía ou os therians, Moi Animal percorre diferentes formas de relacionarnos co resto das especies para acabar falando de nós mesmos a través dun texto asinado por Xosé A. Touriñán, JJ Vaquero e José L. Prieto

Despois de máis de vinte anos de traxectoria e de espectáculos que o levaron a construír unha relación especial co público, nesta nova viaxe, Touriñán volve poñer no centro aos espectadores, unha parte fundamental da súa maneira de entender o teatro. Moi Animal nace así como un espectáculo pensado para compartir, rir e reflexionar xuntos sobre algunhas das contradicións que forman parte da nosa maneira de relacionarnos cos animais.

Moi Animal comezará o seu percorrido en Cee e pasará nas semanas seguintes por Pontevedra, Vilalba, Ourense, O Grove, Vigo, Lugo, Burela, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa e A Coruña.

As entradas e toda a información sobre as funcións dispoñibles poden consultarse en moianimal.gal.

Entrada anterior
Chega ‘A Lacena Pequena’, un novo proxecto cultural itinerante
Seguinte entrada
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » ‘Moi Animal’, o novo monólogo de Touriñán, suma novas funcións á súa primeira xira
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.