Chega ‘A Lacena Pequena’, un novo proxecto cultural itinerante
Ainé e E-ló Arquitectura poñen en marcha unha proposta que combina música, artes escénicas, gastronomía e patrimonio a través dunha singular infraestrutura.
A cultura tamén pode viaxar. Con esta idea nace A Lacena Pequena, un proxecto cultural itinerante que utiliza un contedor marítimo reciclado e acondicionado como espazo para a creación, o encontro e a divulgación do patrimonio. A proposta combina música, artes escénicas, gastronomía e memoria para achegar novas experiencias culturais ao territorio e poñer en valor as súas singularidades.
O proxecto, promovido por Ainé e E-lo Arquitectura, busca especialmente traballar en contornas rurais onde a oferta cultural estable é máis limitada. A infraestrutura desprazarase de localización en localización para crear, en cada parada, programacións adaptadas ao lugar e ás persoas que o habitan, favorecendo o encontro entre comunidade, creadores e visitantes.
O propio contedor é o punto de partida conceptual de A Lacena Pequena. A súa transformación nun contedor cultural itinerante recupera a idea da lacena como espazo no que se gardan cousas que forman parte da vida cotiá, trasladándoa ao ámbito do patrimonio e da creación.
No seu interior poden convivir propostas moi diferentes: concertos, monólogos, teatro curto, narración oral, exposicións, obradoiros, encontros ou experiencias gastronómicas. Unha proposta na que o patrimonio local, as historias das persoas, os produtos de proximidade e o talento galego teñen un papel central.
Máis que levar unha programación pechada dun lugar a outro, A Lacena Pequena adapta cada experiencia á realidade de cada territorio, incorporando as singularidades da súa contorna e xerando espazos de participación e intercambio. A intención é achegar a cultura contemporánea a públicos diversos e, ao mesmo tempo, contribuír a manter vivas a memoria, a lingua e as expresións culturais propias de cada lugar.
Unha proba piloto
Antes de iniciar o seu percorrido polo Camiño de Inverno, A Lacena Pequena está a realizar unha primeira proba piloto no marco do Castelo Conta. A programación adicional do festival incorporou o contedor-hórreo como un novo espazo para acoller actividades e experimentar coas posibilidades do proxecto.
Nas primeiras xornadas, o espazo acolleu propostas musicais como as de Brais Morán e Maquenaona e diferentes encontros arredor da cultura e do territorio, como o coloquio sobre o monte con Lois Vilar e Manuel Ruibal, a cata de perfumes con David Perdomo e Óscar Cruz ou o debate coa veciñanza de Castelo arredor das hortas.
A programación continuará ao longo desta semana con obradoiros, presentacións, encontros, propostas gastronómicas, actividades para diferentes idades e novas experiencias culturais, ampliando as posibilidades de uso do contedor e a súa relación coa comunidade.
Tras esta primeira experiencia, A Lacena Pequena trasladarase a Vedra, onde se presentará o percorrido que realizará nos próximos meses.
Esta itinerancia permitirá levar a cada parada unha programación vinculada á identidade do lugar e, ao mesmo tempo, favorecer o encontro entre artistas e creadores, comunidades locais e as persoas que as visitan.
A Lacena Pequena enmárcase así na preparación do Xacobeo 2027, empregando a creación cultural como ferramenta para dinamizar o territorio e poñer en valor o patrimonio material e inmaterial.
Unha lacena viaxeira, que se abre en cada territorio e garda dentro dela música, historias, creación e memoria.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.



