‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O pase terá lugar o 26 de setembro no Porriño e busca apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas, aproveitando a oportunidade para reencontrarse co público cun espectáculo que xa se converteu nun clásico do repertorio do humorista.
Hai tempo que Aquí Tou! deixou de ser unha proposta máis no repertorio de Xosé A. Touriñán para converterse nun clásico. Hai case catro anos que o humorista puxo sobre o escenario unha mirada especialmente persoal sobre a súa propia vida, as súas experiencias e todo aquilo que o foi acompañando ao longo dos anos, sempre en clave de humor.
No monólogo, Touriñán afástase dos personaxes para falar en primeira persoa e percorrer lembranzas, situacións familiares, relacións e pequenas contradicións do día a día. Unha proposta construída desde a experiencia propia, pero na que tamén hai espazo para que o público recoñeza situacións, recordos e formas de ver a vida que lle resultan próximas.
Esta vez, a función terá lugar no Pavillón Municipal de Deportes do Porriño e estará vinculada a unha realidade que tamén chegou á gran pantalla. Con este pase, preténdese apoiar á Rondalla que participou na rodaxe de Rondallas, establecendo así un vínculo entre o espectáculo e unha agrupación da vila que forma parte da película.
A iniciativa permite reunir nunha mesma noite dúas facetas presentes na traxectoria de Touriñán, o humor e o cinema, ao tempo que contribúe a apoiar o traballo dunha Rondalla que levou parte da identidade do Porriño a unha produción cinematográfica.
Case catro anos despois da súa estrea, Aquí Tou! volve, así, aos escenarios para compartir outra noite co público e facelo, nesta ocasión, cunha finalidade especial.
As entradas están dispoñibles a través de ataquilla.com
NOTICIAS RELACIONADAS
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.
Ainé estrea unha aplicación móbil para achegar a súa actividade ao público
A ferramenta reúne nun mesmo espazo a programación de espectáculos, as opcións de compra de entradas, as últimas noticias e os contidos audiovisuais da produtora. Está dispoñible de balde para dispositivos iOS e Android.



