Xosé A. Touriñán presenta ‘Moi Animal’, o seu novo monólogo
Un monólogo que parte da nosa relación cos animais para construír unha mirada cómica sobre as contradicións da especie humana. O espectáculo chegará ás táboas a partir do mes de outubro.
Despois de varios anos de percorrido con Aquí Tou! en Galicia e co seu monólogo adaptado para escenarios de diferentes puntos do Estado, Touriñán abre agora unha nova etapa con Moi Animal. Un novo espectáculo no que mantén o humor e a observación do cotián como punto de partida, pero cambia o foco para poñer no centro a nosa relación co resto das especies.
O lanzamento de Moi Animal estivo acompañado esta mañá por unha acción de gran formato no Paseo Marítimo da Coruña, coa instalación dunha lona de 480 metros cadrados coa imaxe do espectáculo á altura da Fonte dos Surfistas. O propio Touriñán estivo presente durante a colocación deste soporte, instalado pola empresa Mástil Rotulación.
Unha historia sobre os animais… ou iso semella
Somos animais. Aínda que ás veces nos empeñemos en disimulalo. En Moi Animal, Touriñán pon o foco na particular relación que mantemos cos animais: queremos, comemos, humanizamos, protexemos e mesmo vestimos outras especies, ao tempo que podemos pasar horas intentando asasinar un mosquito que aparece ás tres da mañá.
Da aldea aos animais de compañía, dos lobos aos vexetarianos, da empatía aos therians, o espectáculo percorre diferentes formas de entender e convivir con outras especies. Un percorrido que serve para falar tamén dos cambios na sociedade e das contradicións que aparecen cando tentamos definir que lugar ocupamos os humanos dentro do mundo animal.
Moi Animal propón así un retrato en clave de humor dunha especie capaz de desenvolver unha enorme empatía polos animais ao mesmo tempo que mantén relacións contraditorias con eles. Unha viaxe que, baixo a aparencia de falar doutras especies, acaba poñendo o espello diante de nós.
Moi Animal percorre todas estas incoherencias desde o humor para preguntarse que hai detrás da nosa maneira de relacionarnos cos animais. Quizais, ao falar deles, acabamos falando de nós mesmos máis do que pensamos. O espectáculo conta con texto orixinal de Xosé A. Touriñán e José L. Prieto e está protagonizado polo propio Touriñán.
A xira de Moi Animal arrancará o 16 de outubro en Cee, na Casa da Cultura. O 17 de outubro chegará ao Auditorio Sede Afundación de Pontevedra e continuará por Vilalba (23 de outubro), Ourense (30 de outubro), O Grove (7 de novembro) e Vigo (8 de novembro).
En novembro, Touriñán pasará tamén por Lugo (27 de novembro), Burela (28 de novembro) e Santiago de Compostela (29 de novembro). Xa en decembro, o espectáculo chegará a Vilagarcía de Arousa o días 11 e pechará esta primeira xira na Coruña o 26 de decembro, no Auditorio Gaviota de Palexco.
As entradas para as primeiras funcións confirmadas de Moi Animal xa están dispoñibles desde hoxe, 4 de agosto, a través de moianimal.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.



