Xosé A. Touriñán inicia este venres o percorrido estatal do seu monólogo
A actuación no Teatro Arlequín Gran Vía inaugura unha serie de funcións fóra de Galicia que levarán o cómico a distintas cidades do Estado ao longo dos próximos meses.
Este venres 9 de xaneiro, Xosé A. Touriñán viaxa a Madrid co seu monólogo nun pase único no Teatro Arlequín Gran Vía, un dos espazos de referencia da comedia na capital do Estado. A función, prevista para as 22.30, supón o arranque dun percorrido estatal que levará ao humorista a pisar escenarios fóra de Galicia ao longo dos próximos meses.
A cita non será un feito illado. Ademais desta primeira actuación, xa hai outras dúas datas pechadas no mesmo teatro: o 14 de febreiro ás 22.30 e o 20 de marzo, tamén ás 22.30. A estas funcións súmanse paradas en Bilbao, o 7 de marzo; Barcelona, o 27 de marzo; e Oviedo, o 23 de maio, ampliando o alcance dun espectáculo no que Xosé A. Touriñán consegue conectar co público a través da palabra, as experiencias vitais nas que a xente se recoñece e a identidade propia.
Este é un monólogo no que o actor fai un repaso pola súa propia biografía e, a través dunha mestura de realidade e ficción, tenrura e picardía, revisita algúns dos momentos máis decisivos do seu camiño: eleccións acertadas e erros inevitables, feitos casuais e referencias á cultura popular galega que dan forma a un relato próximo, honesto e cheo de humor.
Estas funcións chegan nun inicio de ano especialmente activo para Touriñán, que compaxina o monólogo coa nova xira de Amoriños, o espectáculo que comparte con David Perdomo e que percorrerá auditorios galegos durante a primavera, así como con outras participacións destacadas, como Chisteria Colectiva, dentro da programación do VI Encontro Mundial do Humorismo, que se celebrará na Coruña entre abril e maio de 2026.
As entradas para o monólogo de Xosé A. Touriñán en Madrid están dispoñibles a través da web do Teatro Arlequín Gran Vía.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



