Xosé A. Touriñán, protagonista da volta ao mercado de Deleite
O retorno ás superficies comerciais desta marca, que un grupo de trinta gandeiros decidiu recuperar logo de varios anos, apóiase desde esta semana nun anuncio producido por Undodez, a produtora do actor cullerdense, en colaboración con Ainé Producións.
“Non dá igual que leite mercar”: é a premisa coa que Xosé Antonio Touriñán volve ás pantallas desde esta semana, desta volta nun espazo publicitario. Trátase do spot de Deleite, unha marca que desde o pasado mes de maio está de volta co obxectivo de comercializar leite de gandeiros galegos a prezos xustos, de calidade, e evitando intermediarios.
“Mercar Deleite é apoiar ao futuro do campo galego”
Leite Noso, unha cooperativa de trinta gandeiros galegos, está detrás da volta aos supermercados de Deleite. As dificultades que atravesa o sector motivounos a asumir directamente o reto de levar o leite desde o campo ata os consumidores, prescindindo da longa cadea que ven encarecendo os prezos nos últimos tempos, motivando o aumento da precariedade de centos de explotacións en toda Galicia.
Dentro da estratexia para lanzar de novo a marca decidiron contar con Touriñán, que xa hai anos fora protagonista dun spot desta mesma marca no papel de Mucha, das Cantareiras de Ardebullo.
Undodez iníciase na produción de publicidade
O spot, dirixido por Andrés Mahía e producido polo propio Touriñán, é o primeiro traballo de Undodez, unha produtora que ten no desenvolvemento de formatos e contidos audiovisuais a súa principal actividade. Foi rodado entre A Coruña, Arzúa e Palas de Rei a finais do pasado mes de maio, e ademais de Touriñán, conta a participación de Aroa Fernández e Xavi Varela, os nenos que o acompañan tanto na cociña como na secuencia final.
Ainé Producións fixo o traballo de produción para a peza, que durante as próximas semanas se emitirá na Televisión de Galicia, ademais da difusión que acade a través das redes sociais.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.
‘Moi Animal’, o novo monólogo de Touriñán, suma novas funcións á súa primeira xira
O novo monólogo de Xosé A. Touriñán esgota localidades en Cee e Santiago e amplía funcións na Coruña, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra. A xira, que comezará en outubro, continúa medrando antes da súa chegada aos escenarios galegos.
Chega ‘A Lacena Pequena’, un novo proxecto cultural itinerante
Ainé e E-ló Arquitectura poñen en marcha unha proposta que combina música, artes escénicas, gastronomía e patrimonio a través dunha singular infraestrutura.


