Xosé A. Touriñán participa na miniserie ‘Lobo’, producida por Vaca Films para Netflix
A produción recrea a historia do primeiro asasino en serie documentado en España, o chamado Lobishome de Allariz. Durante estes meses, o equipo de rodaxe percorre cidades e paisaxes galegas, desde Santiago de Compostela ata Abegondo, co elenco encabezado por Luis Tosar e Tristán Ulloa.
A rodaxe de ‘Lobo’ continúa a pleno rendemento en Galicia, despois de varias semanas en Santiago de Compostela, Folgoso do Courel, O Incio e outros puntos do territorio. Agora, o equipo trasladouse á Casa de Nicheiro en Viós (Abegondo), seguindo a súa ambiciosa aposta por recrear a Galicia rural do século XIX con todo detalle histórico e unha atmosfera cargada de suspense.
A miniserie, que contará con seis capítulos, mestura thriller psicolóxico e drama histórico para reconstruír a vida de Manuel Blanco Romasanta, o célebre ‘Home Lobo de Allariz’. Unha figura que, según conta a lenda, confesou varios homicidios alegando sufrir licantropía clínica. Na serie, Luis Tosar dá vida ao protagonista, mentres que Tristán Ulloa interpreta ao fiscal encargado do caso, situando ao espectador no corazón dunha Galicia do século XIX cargada de misterio e terror.
Xosé A. Touriñán incorpórase ao elenco, dando vida a unha das personaxes que habitan esta Galicia do século XIX. A súa interpretación engade matices á historia, achegando presenza e experiencia a un relato que mestura suspense, drama histórico e paisaxes que falan por si mesmas.
A produción conta co apoio da Xunta de Galicia, a través dunha subvención do programa de atracción de rodaxes, e seguirá gravando en distintos puntos do territorio ata maio de 2026. O resultado será unha proposta que leva un anaco da historia galega (quizais pouco coñecida) a públicos de todo o mundo, a través dun relato histórico que promete configurar unha experiencia audiovisual única.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.
‘Moi Animal’, o novo monólogo de Touriñán, suma novas funcións á súa primeira xira
O novo monólogo de Xosé A. Touriñán esgota localidades en Cee e Santiago e amplía funcións na Coruña, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra. A xira, que comezará en outubro, continúa medrando antes da súa chegada aos escenarios galegos.
Chega ‘A Lacena Pequena’, un novo proxecto cultural itinerante
Ainé e E-ló Arquitectura poñen en marcha unha proposta que combina música, artes escénicas, gastronomía e patrimonio a través dunha singular infraestrutura.



