Lamatumbá súmase á X Foliada Nordestía de San Cibrao
A Praza dos Campos de San Cibrao acollerá o vindeiro sábado 28 de marzo unha nova edición da Foliada Nordestía, que celebra o seu décimo aniversario cunha programación ao longo de todo o día e a actuación de Lamatumbá coa chegada da noite.
A X Foliada Nordestía de San Cibrao volve converter a vila nun punto de encontro para a música tradicional, a festa e a convivencia arredor da cultura galega. Organizada pola Asociación A Rebolaxe, en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación e co Concello de Cervo, a cita propón unha xornada completa que comezará pola mañá e se estenderá ata a noite.
A programación arrincará ás 12.00 horas cos Cantos de Taberna, nos que participarán formacións como Buxos Verdes (Vilalba), Pandereteiros do Inferno (Ribadeo), Amiguinhas Foliadeiras (Mariña Oriental) e a propia A Rebolaxe, entre outros grupos. Un percorrido musical polos bares da vila que manterá viva a tradición e o espírito colectivo da foliada.
Ao longo do día haberá tamén actividades abertas ao público, como un obradoiro de baile, un obradoiro de cerámica e un xantar popular, pensados para favorecer a participación e o encontro entre veciñanza e visitantes.
Xa pola tarde, a partir das 19.30 horas, chegarán os concertos na Praza dos Campos, coas actuacións de Clan Maragato, Os Carecos e Lamatumbá, que pechará a xornada cun directo marcado pola súa enerxía e conexión co público. A festa continuará cunha discomóbil para despedir o día.
Lamatumbá, unha das bandas máis recoñecibles da música galega contemporánea, chega a San Cibrao coa súa nova xira ‘LAMATUMBÁ… E XA ESTÁ!’, nun momento de renovada actividade tras o seu regreso aos escenarios en 2023. Cunha traxectoria que mestura estilos como o ska, o reggae, o funk ou o rock, o grupo mantén unha proposta centrada na celebración colectiva e na forza do directo.
A actual formación combina integrantes históricos con novas incorporacións, configurando unha banda compacta que continúa revisitando o seu repertorio e sumando novas composicións, mantendo intacta a súa esencia: facer da música un espazo común.
A súa presenza nesta décima edición da Foliada Nordestía reforza o carácter festivo e aberto dun encontro que, ano tras ano, segue medrando como unha das citas destacadas da Mariña Lucense para celebrar a música, a tradición e a cultura.
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán recibe o Premio de Honra Manuel Lourenzo de Feteagal
O recoñecemento foi entregado o pasado sábado no Teatro Colón da Coruña, durante a gala dos I Premios Feteagal Manuel Lourenzo do Teatro Amador Galego.
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.
‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.



