Touriñán continúa rodando esta primavera

O actor acaba de rematar a gravación do filme ‘+Cuñados’ e comeza a de ‘Clanes’, unha nova serie para Netflix
Touriñán na rodaxe do filme +Cuñados (Portocabo)

O actor rodou en Ourense o filme '+Cuñados'. Foto: Portocabo

Xosé A. Touriñán é ben coñecido polo público galego pola súa faceta de humorista pero tamén é produtor, director e actor de cine e televisión. Precisamente nestes últimos meses está encadeando varios proxectos audiovisuais.

O actor acaba de rematar a rodaxe de  ‘+Cuñados’, a segunda parte do filme ‘Cuñados’ (2021) de Portocabo. Touriñán volve ser un dos protagonistas, xunto a Miguel de Lira, Federico Pérez, Eva Fernández, Iolanda Muíños, María Vázquez e Mela Casal, desta comedia familiar que fala da cultura e idiosincrasia galegas. Esta nova entrega contará as súas aventuras durante o Entroido ourensán e xa temos as primeiras imaxes de Touriñán disfrazado de polbo.

O Entroido de Ourense é protagonista en ‘+Cuñados’. Foto: Portocabo
Momento da gravación de ‘+Cuñados’. Foto: Portocabo

E xusto remata a rodaxe dun filme para comezar coa dunha serie. Xosé A. Touriñán forma parte do elenco de ‘Clanes’, producida por Vaca Films para Netflix e protagonizada por Clara Lago e Tamar Novas. A serie cóntanos unha historia sobre o narcotráfico galego e a gravación xa se puxo en marcha esta semana en Cambados. Este novo papel trouxo novo corte de pelo.

Sen deixar os teatros

Durante estes meses Touriñán combina a rodaxe dos distintos proxectos audiovisuais cos escenarios. En marzo comezou a segunda xira de ‘Somos Criminais 3’, xunto a Carlos Blanco, un espectáculo onde os dous cómicos tratan de dar resposta a preguntas como “somos criminais no sentido menos criminal da palabra?”, “temos unha maneira propia de ser e de estar?” ou “son certos os tópicos que hai sobre nós?”. Nesta nova volta polos teatros de Galicia, Touriñán e Blanco están repetindo a grande acollida de público que xa tivera a xira de presentación, na que contaran con máis de 30.000 espectadores. Esta nova xira remata a comezos de xuño visitando tres cidades: Ferrol (2 de xuño), Ourense (4 de xuño) e A Coruña (9 e 10 de xuño). As últimas entradas están á venda en somoscriminais.gal.

Touriñán leva desde abril percorrendo Galicia co monólogo ‘Aquí Tou!’, unha peza moi persoal na que, a través do humor, convida ao público a facer un percorrido polos momentos vitais que o levaron a ser quen hoxe é. Finalizará a xira en Lalín (27 de maio) e Catoira (3 de xuño) e as entradas xa están esgotadas.

Entrada anterior
‘Continente María’ representarase nas Naves del Español en Matadero
Artigo seguinte
O legado de María Casares chega a Madrid

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Touriñán continúa rodando esta primavera