A obra de teatro ‘Continente María’ chega a Madrid para dar a coñecer o legado vital e escénico da actriz María Casares, galega exiliada en Francia, onde triunfou sobre os escenarios e fixo do teatro a súa propia patria. Do 7 ao 11 de xuño haberá unha función diaria, ás 19:30 horas, nas Naves del Español en Matadero e as entradas xa están á venda en continentemaria.gal ou na web do Teatro Español.
O espectáculo estreouse na Coruña, a cidade natal de María Casares, en 2022, ano do centenario do seu nacemento. Dirixido por Tito Asorey sobre un texto de Marianella Morena, ‘Continente María’ é un canto á vida e ao teatro a través do diálogo coa extraordinaria figura de María Casares. Melania Cruz, premio Cultura Galega 2022 de Artes Escénicas, transita unha infinidade de rexistros, acentos e situacións como se fosen a súa propia casa, a súa propia pel, para interpretar a Casares. A actriz recoñece que é “unha gran responsabilidade traer de volta a través do seu cuerpo a María Casares”. Tamén en directo sobre o escenario, a música de Vadim Yukhnevich crea un ambiente no que a emoción e o dinamismo conviven coa reflexión sobre o amor, a guerra ou a identidade. O compositor e multiinstrumentista bielorruso afincado en Lugo afirma que a obra o fixo “viaxar aos seus adentros e reflexionar sobre o seu propio exilio”.
Tras conquistar a público e crítica na súa xira galega, ‘Continente María’ pretende agora achegar ao público madrileño a figura da icónica actriz coruñesa, que logrou fama internacional nos escenarios e cines franceses despois de exiliarse coa súa familia no país vecino ao comezar a Guerra Civil en España.
‘Continente María’ en América
No outono deste 2023 o espectáculo cruzará as fronteiras do continente físico para viaxar a Colombia. Galicia e as súas artes escénicas son as convidadas especiais na 55ª edición do Festival Internacional de Teatro de Manizales, que terá lugar do 21 ao 28 de outubro. Ademais, a peza sobre María Casares tamén se representará no Festival Teatro y Música Comfama San Ignacio, en Medellín e en Bogotá.