Touriñán participa este sábado nunha nova edición de ‘A Radio Conta’

O actor e cómico cullerdense súmase ao equipo da sétima edición desta iniciativa solidaria, promovida polas emisoras radiofónicas da Coruña cada Nadal, que desta volta recadará fondos para ASANOG.

Volve A Radio Conta: Radio Galega, Radio Marca, Onda Cero, Radio Nacional de España, InterCoruña, Radio Coruña Cadena SER, COPE e Radio Voz xúntanse de novo polo Nadal, un ano máis no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, para emitir de xeito conxunto un programa solidario na tarde do sábado 28 de decembro. Máis de corenta profesionais farán posible unha emisión única con fins solidarios, que nesta ocasión busca axudar á Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia (ASANOG).

O actor e cómico Xosé A. Touriñán súmase este ano ao equipo do programa, no que tamén participarán outros humoristas como Moncho Borrajo, os actores Luís Iglesia e Marita Martínez e o diseñador Antón Lezcano. Haberá tamén música, da man de As Tanxugueiras, Brais Morán e Pablo Díaz, e as deportistas olímpicas Sofía Toro y Julia Benedetti participarán tamén das tres horas de radio en directo que desde hai varias semanas preparan os xornalistas das emisoras coruñesas. O guionista pontevedrés Óscar Cruz colabora tamén nos contidos desta edición de A Radio Conta.

“Vai ser unha gran festa da radio”

Touriñán asegurou na rolda de prensa de presentación do programa deste ano, celebrada no Concello da Coruña, que o programa será “unha gran festa”, e valorou como “un gran exemplo” a unión das emisoras radiofónicas coruñesas para facer posible un programa así.

A entrada ao Teatro Rosalía será libre, aínda que será posible achegar un donativo para ASANOG. Tamén será posible colaborar a través dunha fila cero no número de conta ES61 2100 1453 2102 0025 9900 (Caixabank).

Entrada anterior
A estrea de ‘Fariña’ na Coruña será accesible para persoas con discapacidade auditiva
Artigo seguinte
Oswaldo Digón e Touriñán celebrarán en Vigo o décimo aniversario de ‘Noites de Retranca’

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Touriñán participa este sábado nunha nova edición de ‘A Radio Conta’