Touriñán grava en Portugal ‘Vidago Palace’
O actor cullerdense estivo a pasada semana no país veciño gravando diferentes secuencias dunha nova serie da TVG en coprodución coa RTP, cuxos dereitos de emisión xa foron vendidos ás televisións públicas de Italia e Polonia.
O Padre Raimundo sumarase en poucos meses á amplísima relación de personaxes interpretados por Xosé A. Touriñán na súa carreira. Será en Vidago Palace, unha nova serie producida por Portocabo e a produtora portuguesa HOP! cuxa estrea está prevista para principios do próximo ano.
Touriñán forma parte desta volta dun reparto formado polos actores galegos David Seijo, Antonio Mourelos, David Amor, Sheyla Fariña e Eva Fernández entre outros, aos que se unen, nos papeis principais, intérpretes lusos como Mikaela Lupu, Anabela Teixeiro, Marcantonio de Carlo, Pedro Barroso, Margarida Marinho ou João Didelet.
A serie narra unha historia de amor nun ambiente tan espectacular como o luxoso hotel-balneario aberto en Vidago a comezos do século XX.
Un Land Rober sen Touriñán
Precisamente pola gravación en Portugal, Xosé A. Touriñán tivo que faltar o pasado mércores á cita semanal co Land Rober. Durante o programa foron moitos os comentarios entre fans e seguidores do programa conducido por Roberto Vilar sobre os motivos da ausencia do cómico cullerdense. Foi o propio Touriñán quen, contra o remate do programa, aclarou as razóns polas que non podía estar no plató. Tamén ao día seguinte deixou unha mensaxe na súa conta de Twitter felicitando ao equipo do late night dos mércores na TVG polos seus espectaculares datos de audiencia.
Bo día!! Estou no Hotel Vidago, en Portugal. Pero non fai falta q volva… 20,8%!! Bravo!!! #LandRober64 @landrobervilar @EvitaaIglesias pic.twitter.com/gFMbvCDagt
— Xosé A. Touriñán (@xatouri) 10 de noviembre de 2016
NOTICIAS RELACIONADAS
Un novo espazo dixital para seguir a traxectoria de Xosé A. Touriñán
A páxina recompila toda a información profesional do actor, director e produtor nun espazo renovado, accesible e estruturado arredor da súa traxectoria, proxectos e actividade actual.
A xira estatal do monólogo de Touriñán segue medrando e suma novas datas
O espectáculo de Xosé A. Touriñán continúa ampliando o seu percorrido fóra de Galicia cun calendario que segue incorporando funcións ao longo de 2026 e comezos de 2027.
Lamatumbá, finalista nos XIII Premios Martín Códax da Música
A banda ourensá opta ao galardón na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, reafirmando o seu lugar como un dos grandes referentes da festa e da música popular galega.


