Touriñán e Federico Pérez retoman esta fin de semana a xira de Curtis & Teixeiro

Estarán o venres en Vimianzo e o sábado en Compostela. As entradas tanto para estas funcións como para o resto de datas previstas (Vilagarcía, Burela e Vigo) están á venda en www.curtiseteixeiro.gal

Curtis Teixeiro

Os axentes Curtis e Teixeiro seguen na procura da verdade. Logo de meses e meses de investigacións, con conferencias en diferentes puntos de Galicia nas que deron xa conta dos resultados das súas pesquisas, teñen aínda por diante cinco citas co público. Serán o venres 4 de novembro en Vimianzo, o sábado 5 en Compostela, o venres 11 en Vilagarcía, o sábado 12 en Burela e o venres 9 de decembro en Vigo.

Nas súas conferencias os expertos investigadores Curtis e Teixeiro desvelan as claves do terrorismo internacional, o programa secreto sexual dos partidos políticos, as gravacións secretas de Tejero horas antes do golpe de estado do 23F e, cando dá tempo, a verdadeira historia de Noé.

Federico Pérez e Xosé A. Touriñán interpretan aos axentes Curtis e Teixeiro. Dous dos cómicos máis coñecidos e populares do país afrontan este outono a segunda xira cun espectáculo que foi quen de encher ata en doce ocasións no pasado mes de xaneiro, nas súas visitas a Baiona, Lalín, A Coruña, A Illa de Arousa, O Barco de Valdeorras, Melide, Cedeira en Noia. Nestas últimas dúas localidades o éxito foi especialmente notable, con ata tres funcións consecutivas e os carteis de ‘entradas esgotadas’ colgados nos despachos de billetes desde semanas antes da función.

Os dous actores viven un momento especialmente dulce no relativo ás súas carreiras profesionais. Federico ven de estrear o espectáculo teatral Get Back, dirixido por Jorge Coira, acompañado de actores da talla de Tamara Canosa ou Alfonso Agra entre outros. Gravou ademais este verán novos capítulos da serie que protagoniza na Televisión de Galicia desde hai anos, Era Visto!, e prepara un novo monólogo en solitario para o próximo ano.

Touriñán, o cómico máis valorado e querido de Galicia na actualidade, ven de comezar unha nova temporada de Land Rober con excelentes datos de audiencia. Percorre o país co espectáculo teatral ‘Monólogo do Imbécil’, e prepara novos proxectos tanto para televisión como para teatro xunto co seu inseparable compañeiro Marcos Pereiro.

Artigo anterior
Touriñán e Marcos Pereiro gañan o premio Rebulir 2016 na categoría de patrimonio oral
Artigo seguinte
Touriñán enche por dúas ocasións en As Pontes co Monólogo do Imbécil

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Touriñán e Federico Pérez retoman esta fin de semana a xira de Curtis & Teixeiro