Touriñán conducirá a XIV gala dos Premios Mestre Mateo
A xornalista Marga Pazos e o humorista Xosé Antonio Touriñán serán os encargados de presentar a décimo cuarta edición da gala dos Premios Mestre Mateo, organizada pola Academia Galega do Audiovisual, que se celebrará o próximo 23 de abril na Coruña.

A festa que reúne cada ano aos profesionais do audiovisual de Galicia aposta para a súa emisión deste ano por dúas das caras máis coñecidas do panorama televisivo galego. Marga Pazos -premiada como mellor comunicadora galega na pasada edición dos premios- é a actual presentadora do Telexornal Mediodía da TVG.
Pola súa banda, Touriñán é unha das caras máis coñecidas do audiovisual galego e do mundo da comedia. Actualmente, o humorista e actor culleredense é un dos tres protagonistas de Buscando Ardebullo, título dunha divertida viaxe por media Galicia que se emite tódolos martes pola noite na TVG na que Marcos Pereiro e Touriñán, acompañados polo pai de Marcos, percorren pequenas vilas e aldeas do país para coñecer a forma de vida das súas xentes.
Ademais, o de Culleredo é, unha tempada máis, un dos personaxes do programa presentado por Roberto Vilar na Televisión de Galicia. Na súa volta ás pantallas en xaneiro do pasado ano, Touriñán fixo popular o personaxe de Joao Simoes, o portugués ao que lle tocou unha importante suma de millóns nun sorteo.
Durante esta primavera, Touriñán compaxina as súas aparicións na televisión co proxecto teatral “Amigos ata a morte” e coas funcións do seu novo espectáculo de contacontos “Monólogo do imbécil”.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.
‘Moi Animal’, o novo monólogo de Touriñán, suma novas funcións á súa primeira xira
O novo monólogo de Xosé A. Touriñán esgota localidades en Cee e Santiago e amplía funcións na Coruña, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra. A xira, que comezará en outubro, continúa medrando antes da súa chegada aos escenarios galegos.
Chega ‘A Lacena Pequena’, un novo proxecto cultural itinerante
Ainé e E-ló Arquitectura poñen en marcha unha proposta que combina música, artes escénicas, gastronomía e patrimonio a través dunha singular infraestrutura.


