‘Táboas’ viaxa a Portugal para coñecer de primeira man o Festival de Almada
A revista de Ainé foi convidada pola organización da 39ª edición do Festival de Almada, que se celebra do 4 ao 18 de xullo nesta cidade do distrito de Setúbal, na rexión de Lisboa.

O Festival de Almada, que celebra este ano a súa 39ª edición, é un dos máis importantes e singulares de Portugal. A revista Táboas estivo esta primeira semana convidada pola organización para coñecer de preto o labor que a Companhía de Teatro de Almada, organizadora do festival, leva ao cabo.
O Teatro Municipal Joaquim Benite, sede da Companhía e unha das sedes do festival é un singular edificio azul, cunha dotación excepcional para o teatro. Puidemos comprobar de primeira man o equipamento e disposición das dúas salas e do resto das instalacións compostas por salas de exposicións, área administrativa, salas de ensaio e espazos escénicos secundarios no restaurante.
Mais a sede “real” do festival é a explanada da Escola D. António da costa Costa, punto de encontro de público, veciños, compañías, xornalistas e críticos. Alí todos os seráns teñen lugar os xantares con concertos mentres non se pon o sol e pode comezar o espectáculo do Palco Grande; un gran escenario ao aire libre instalado ao carón do Teatro Joaquim Benite. Ademais, na propia escola instálanse diversas exposicións, destacando este ano a adicada ao escenógrafo José Manuel Castanheira.
Almada realmente é a festa do Teatro (así se denominou nas primeiras edicións dos anos 80). É un lugar para desfrutar do teatro en sentido amplo, para o intercambio de ideas e unha oportunidade de ver espectáculos dificilmente accesibles doutra forma para o público portugués e galego.
Nestes días puidemos ver monólogos experimentais, teatro do absurdo, teatro do movemento… e mesmo un Shakespeare. Propostas moi diversas integradas de xeito natural nun programa intenso de dúas semanas con máis de dúas obras diarias de compañias portuguesas e internacionais. O Festival de Almada é un exemplo de como achegar o teatro aos veciños e atraer públicos diversos, fidelizando durante case 40 anos a varias xeracións de almadenses.
Novo número da revista Táboas
Este verán publicaremos o segundo número da revista Táboas, cunha versión física e outra dixital que estará en acceso libre na nosa web. Nas próximas semanas iremos desvelando algúns dos seus contidos. O primeiro número está dispoñible para a súa lectura nesta ligazón.

NOTICIAS RELACIONADAS
Un novo espazo dixital para seguir a traxectoria de Xosé A. Touriñán
A páxina recompila toda a información profesional do actor, director e produtor nun espazo renovado, accesible e estruturado arredor da súa traxectoria, proxectos e actividade actual.
A xira estatal do monólogo de Touriñán segue medrando e suma novas datas
O espectáculo de Xosé A. Touriñán continúa ampliando o seu percorrido fóra de Galicia cun calendario que segue incorporando funcións ao longo de 2026 e comezos de 2027.
Lamatumbá, finalista nos XIII Premios Martín Códax da Música
A banda ourensá opta ao galardón na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, reafirmando o seu lugar como un dos grandes referentes da festa e da música popular galega.


