Sumamos forzas con Lamatumbá
A banda Ourensá incorpórase ao catálogo de Ainé, nunha aposta decidida pola música en vivo. Estreamos a web oficial do grupo e anunciaremos novidades moi pronto.
Que pasa cando un se volve xuntar con amigos para facer o que máis lle gusta? Pois que sempre sabe a pouco. Pasouche seguro, e a eles, tamén. Voltaron aos escenarios no verán pasado, sen moito máis planeado que facer unha xira, pasalo ben, conectar co público e recuperar todas as sensacións que chegan cando estás enriba do escenario.
E pasou que foi un acerto, que desfrutaron como nunca —ou coma sempre—, que o seu público seguía aí e que había moita xente con ganas de directos de Lamatumbá. Pasou que saíu todo como querían que saíra. E claro. Iso é moi difícil paralo.
Así que continúan o camiño e, na procura de chegar máis lonxe, xuntan forzas con Ainé, para traballar nunha andaina que non saben aínda ata onde os levará, pero que saben que non van facer sós porque, como lles demostrastes o ano pasado, non o están. O que si saben é que “non hai obxectivo mellor que o de traballar e pasalo ben mentres se traballa”.
Aquí están, desexando volver suar con vós este verán.
Xa sabedes: Non vale parar!!!
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán presenta ‘Moi Animal’, o seu novo monólogo
O humorista estrea unha nova proposta escénica arredor da nosa relación cos animais e das contradicións da especie humana. A xira comezará en outubro e percorrerá once localidades galegas.
A Coruña acolle a programación do Noroestiño, a proposta familiar do 39º Festival Noroeste Estrella Galicia
A programación infantil do Festival Noroeste Estrella Galicia volverá aos Xardíns de Méndez Núñez do 5 ao 9 de agosto con sete propostas de música e artes escénicas para público familiar.
Xa á venda as entradas para a función especial de ‘Amoriños’ no Festival Noroeste Estrella Galicia
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo chega o vindeiro 9 de agosto ao Parque de Santa Margarida cunha función especial dentro da 39º edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. As entradas xa están dispoñibles.



