‘Somos Criminais’ consolida o seu éxito cos teatros cheos na nova xira
Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco seguen esgotando todas as localidades nos teatros e auditorios que este outono programan o que xa é un dos espectáculos máis exitosos das últimas décadas. Tanto na triple función de Vilagarcía como en Carballo (as dúas primeiras citas desta segunda xira) colgouse o cartel de “entradas esgotadas”.

Somos Criminais aproxímase a cifras impensables e absolutamente históricas no teatro en Galicia. O ritmo de vendas na segunda xira fai pensar que en poucas semanas o espectáculo de Touriñán e Carlos Blancos chegará aos 40.000 espectadores, cando aínda non están á venda os billetes en dúas das localidades máis importantes, como Ourense e A Coruña.
Un auténtico fenómeno de masas capaz de atraer a público de todas as idades e perfiles. Na última cita, a desta fin de semana en Vilagarcía de Arousa, foron tres as funcións necesarias para acoller ao público interesado no espectáculo, que sumadas ás dúas da pasada primavera sitúan en case 4000 os espectadores que pasaron polo auditorio desta localidade.
En Carballo, a primeira función desta xira, a pasada semana, as entradas duraron menos de dúas horas á venda, e un caso similar é o de Noia, onde Touriñán e Carlos Blanco estarán o próximo sábado.
Por diante outras once. datas: Negreira (entradas esgotadas), As Pontes (dúas funcións coas entradas xa esgotadas), Pontevedra, Ferrol, Lugo, Santiago, Cangas, Vigo, A Coruña, Ourense e Narón. En www.somoscriminais.gal está toda a información sobre horarios, datas e puntos de venda.
Un espectáculo apoiado por Deleite
‘Somos Criminais’ é un espectáculo producido polos propios Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco, coa colaboración de Ainé Producións. Conta tamén co apoio de Deleite, a marca da que Touriñán é imaxe desde hai varios anos, e que aposta pola creación e difusión artística en Galicia, patrocinando diferentes iniciativas non só nas artes escénicas, senón tamén na literatura, a música ou a danza.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.


