‘Parasimpáticas’: improvisación, humor e dúas neuronas en acción
O vindeiro sábado 21 de febreiro ás 20.00, o Auditorio Municipal do Concello de Vigo acollerá unha nova función do espectáculo de improvisación protagonizado por Lucía Veiga e Marita Martínez.
Parasimpáticas parte dunha premisa tan absurda como reveladora: dúas neuronas convocan unha ‘Xunta Extraordinaria’ para analizar o estado da materia gris galaica. A partir desta idea, Lucía Veiga e Marita Martínez constrúen un dispositivo escénico baseado na improvisación, no humor e na complicidade co público.
Cada punto da ‘orde do día’ convértese nunha viaxe polos lugares comúns do imaxinario colectivo galego, a través dun xogo continuo no que a escena se constrúe no presente, e onde o inesperado forma parte da propia dramaturxia. A peza sitúase así nun territorio híbrido entre o teatro de improvisación, a comedia e a observación social. Porque ser galego, é un estado mental.
O espectáculo supón un novo encontro escénico entre dúas intérpretes cunha ampla traxectoria no humor e na improvisación. Lucía Veiga, actriz e humorista con ampla experiencia en teatro, televisión e audiovisual, combina neste proxecto a súa capacidade interpretativa cunha presenza escénica marcada pola ironía e a conexión directa co público. Pola súa banda, Marita Martínez, actriz e improvisadora cun longo percorrido nas artes escénicas, achega ao espectáculo unha forte experiencia no traballo coa palabra espontánea, a narración oral e o humor en vivo, elementos centrais na dinámica de Parasimpáticas.
A función deste sábado en Vigo chega con todas as entradas esgotadas, consolidando a boa acollida dun espectáculo que aposta pola improvisación como ferramenta de creación escénica e pola comedia como espazo de encontro.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.



