Vilapene, Esgos e O Couto contarán nas súas festas coas Cantareiras de Ardebullo
Logo das vacacións, Mucha e Nucha volven aos escenarios dalgunhas das festas máis importantes de Galicia para poñer punto e final ao calendario de actuacións do verán. O 20 de agosto, a primeira cita coas Fillas da Conexa en Vilapene (Cospeito).

A poucos meses de cumprir quince anos como dúo cómico, Os Dous de Sempre, a parella formada polos actores Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán, deben seguir detrás das dúas irmás máis coñecidas de Galicia. E é que a Mucha e a Nucha aínda lles queda moita guerra que dar, e para mostra o calendario de actuacións deste verán, que logo dunhas merecidas vacacións se reactiva a partir do 20 de agosto.
Ese día visitarán Vilapene, no concello de Cospeito (Lugo), onde actuarán no descanso da verbena, contra a medianoite. Unha semana despois, será en Esgos onde reciban ás Fillas da Conexa, e o escenario de La Oca Band o que acollerá máis dunha hora do particular humor das veciñas de Ardebullo máis coñecidas.
Xa en setembro, concretamente o sábado 24, pasada a medianoite, O Couto, unha parroquia do concello de Arzúa, acollerá a última actuación da temporada.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.
Ainé estrea unha aplicación móbil para achegar a súa actividade ao público
A ferramenta reúne nun mesmo espazo a programación de espectáculos, as opcións de compra de entradas, as últimas noticias e os contidos audiovisuais da produtora. Está dispoñible de balde para dispositivos iOS e Android.
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.


