Noemi Rodríguez imparte o obradoiro ‘Fai o teu’ no Castelo Conta

O Castelo Conta inclúe na súa programación este obradoiro dirixido a actrices e actores, creadoras, responsables de dirección e persoas interesadas na creación escénica.

A actriz e directora teatral impartirá o obradoiro 'Fai o teu' no Castelo Conta

Noemi Rodríguez, actriz e directora coñecida por dirixir obras como Man upLa distancia ou Blast, todas elas producidas polo Centro Dramático Nacional, e que xa visitou o Castelo Conta o ano pasado xunto á súa irmá Darlene Rodríguez con Hoy puede ser mi gran noche, impartirá nesta edición do Castelo Conta o obradoiro ‘Fai o teu’.

Neste obradoiro, as persoas participantes terán a oportunidade de traballar e aprender durante cinco días os mecanismos axeitados para levar a escena as súas ideas, revitalizando o desexo creador, aprendendo técnicas interpretativas e creativas e desenvolvendo a capacidade de xogo, imaxinación e intuición artística. As persoas que se inscriban poderán vivir un proceso de creación exprés, traballando cos materiais que os conmovan e obsesionen profundamente. “Ao falar de materiais referímonos aos temas, preguntas, imaxes, lembranzas, conceptos, historias, referentes, etc. que inspiran e provocan tanto a nosa imaxinación como a nosa vitalidade creadora”, apunta Noemi Rodríguez.

Nun contexto de colaboración e xogo, o obradoiro traballará cos artistas unha serie de disparadores temáticos e ferramentas de composición escénica, que facilitarán a posta en pé daquilo que está pedindo nacer dentro de cada un, explorando distintos xéneros e formatos para retar e ordenar as ideas iniciais. Ao longo dos cinco días, as asistentes desenvolverán diversas pezas breves baseadas nas súas inquedanzas.

‘Fai o teu’ terá lugar do luns 21 ao venres 25 de agosto, en horario de 9.30 a 13.30 horas, no Centro Social Xente Nova de Tabeaio, en Carral. A matrícula para ‘Fai o teu’ pode realizarse na web do festival.

Artigo anterior
‘Códice K’ poderá verse en Cee este sábado
Artigo seguinte
Un agosto máis do Castelo Conta na aldea de Touriñán

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Noemi Rodríguez imparte o obradoiro ‘Fai o teu’ no Castelo Conta