Fariña volve a Galicia
Presentamos no Culturgal as novas datas en Galicia de Fariña. Ademais levamos a Mercartes as nosas producións do último semestre e estreamos Táboas, unha revista semestral sobre o noso traballo.

O Culturgal, a feira galega das industrias culturais, foi o lugar escollido para presentar a xira galega de Fariña. Logo de sete meses e máis de vinte localidades por toda España, o espectáculo dirixido por Tito Asorey regresa a Galicia no mes de marzo.
Marta Lado, César Goldi e Graciela Carlos achegáronse ata Pontevedra para presentar ao público congregado no Culturgal as datas deste regreso a Galicia de Fariña. Santiago de Compostela será a primeira parada dunha xira que os intérpretes agardan “con moita emoción e nervios” logo da boa acollida que está tendo a obra nestes últimos meses.
Nace Táboas, unha mirada de Ainé

No Culturgal tamén tivo lugar a estrea de Táboas, unha revista semestral na que recollemos, ademais dos nosos últimos traballos, a mirada e opinión das e dos profesionais cos que compartimos camiño. Nacho Carretero, Xosé A. Touriñán, Tito Asorey, Melania Cruz ou Marianella Morena son algúns dos convidados neste primeiro número.
Logo da intensa fin de semana en Pontevedra, estivemos en Mercartes, a feira bianual das artes escénicas. Alí estivemos compartindo experiencias xunto coas compañeiras da Agadic e as compañías galegas desprazadas a Valladolid. Presentamos a versión en castelán de Táboas e mostramos o noso traballo no mercado máis importante das artes escénicas en España.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.
‘Moi Animal’, o novo monólogo de Touriñán, suma novas funcións á súa primeira xira
O novo monólogo de Xosé A. Touriñán esgota localidades en Cee e Santiago e amplía funcións na Coruña, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra. A xira, que comezará en outubro, continúa medrando antes da súa chegada aos escenarios galegos.
Chega ‘A Lacena Pequena’, un novo proxecto cultural itinerante
Ainé e E-ló Arquitectura poñen en marcha unha proposta que combina música, artes escénicas, gastronomía e patrimonio a través dunha singular infraestrutura.


