A iniciativa de Touriñán en favor do fútbol base xa loce nas camisetas do Deportivo
A afección deportivista vólcase con esta iniciativa para patrocinar a Canteira do Dépor
As camisolas dos rapaces que suban ao primeiro equipo esta temporada levarán o lema #undosmeus

“Quenteime en Twitter”, así comezou #undosmeus, a campaña organizada por Xosé Touriñán para patrocinar os xogadores saídos da canteira deportivista. O que comezou medio en broma, convertiuse nunha manifestación de apoio á canteira e unha mostra da unión do Deportivismo. En tempo récord houbo que poñer en marcha unha web para organizar o crowdfunding ante a insistencia dos seareiros, xa que “as plataformas de tradicionais pedíannos agardar entre sete e dez días”.
A resposta da afección foi tan grande que á hora de poñer en marcha a plataforma, o obxectivo inicial de 10.000€ xa estaba superado. Ampliouse entón o obxectivo a conseguir o patrocinio a Trilli ademais do inicial a Noel e un par de horas máis tarde xa estaba cumplido tamén ese obxectivo. Esta extraordinaria resposta do Deportivismo fixo que os titulares dos medios dixitais fosen quedando desactualizados nada máis publicarse.
O que inicialmente ía ser unha campaña dunha semana, finalmente durou un só día no que se conseguiu reunir 43.680€. A campaña despertou un enorme interese nos medios de información. Na última semana, Touriñán pasou por El Larguero, Radio Estadio, elDiario, La Opinión, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, a CRTVG, El Confidencial, Quincemil ou As.
Presentación cos xogadores en Abegondo
Ian Mackay, Trilli e Noel colocaron as súas fotos no mural das instalacións do club en Abegondo. Alí están as imaxes de todos os xogadores do fútbol base que chegan ao primeiro equipo do Dépor. Logo dese acto, Xosé Antonio Touriñán entregou a Trilli e Noel as súas novas camisetas patrocinadas pola afección deportivista a través da iniciativa #undosmeus que argallou Touriñán. O logo e o cancelo de #UnDosMeus estará presente nas camisetas de Trilli e Noel e tamén do resto de xogadores que cheguen ao primeiro equipo esta temporada.

NOTICIAS RELACIONADAS
Lamatumbá, finalista nos XIII Premios Martín Códax da Música
A banda ourensá opta ao galardón na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, reafirmando o seu lugar como un dos grandes referentes da festa e da música popular galega.
‘Amoriños’ chega a Cee e Vigo con cheos absolutos e suma novas funcións en Pontevedra e A Coruña
A xira de ‘Amoriños’, continúa esta fin de semana en Cee e Vigo, con case todas as entradas esgotadas. O espectáculo amplía ademais o seu percorrido con novas datas en Pontevedra e unha quinta función no peche da Coruña.
Xosé A. Touriñán súmase a ‘Chisteria Colectiva’, unha das grandes apostas do EMHU 2026
O humorista participa no espectáculo colectivo xunto a outros grandes nomes da comedia estatal, unha estrea absoluta no marco do encontro que xa colgou o cartel de entradas esgotadas para as súas dúas funcións en Palexco.


