O tema dos accidentes de circulación pode ser unha cuestión de sorte… ou non. O tema das avarías nos coches pode ser unha cuestión de sorte… ou tampouco. Pode haber un compoñente humano detrás de todas estas fatalidades… ou pode estar Pepo Suevos.
Famoso no seu entorno por non coidar demasiado o seu parque móbil, e cunha chea de quilómetros percorridos por estradas de todo tipo, o caso do actor ferrolán é digno de estudo. Chegou un momento da súa vida no que xa tivera máis coches que anos de carné. Colisións, saídas de vía, incendios,… de todo ten vivido este pobre home a bordo dun coche. E por sorte, aínda lle queda moita vida (esperemos) para contalo. Porque a realidade sempre supera á ficción e o bonito é seguir adiante, Pepo ofrece un espectáculo monográfico no que vai describindo as diferentes incidencias que sufriu cos vehículos a motor, desde o seu primeiro Seat 127 que chorou o día que se despediron, ata o Citröen Xantia que estampou o mesmo día que o comprou contra un Seat Ibiza… que tamén era seu!!! Hora e media de risas sen descanso, para todos os públicos, porque aínda que hai xente que ve os problemas cos coches como algo traumático, para Suevos todo vai e seguirá indo sempre ‘Sobre rodas’.