¡Cumprimos un ano!
Resumimos o primeiro ano de Ainé: centos de quilómetros por media Galicia, moita xente marabillosa, moitos proxectos interesantes e un equipo inmellorable. Grazas por compartir este ano con nós!

Rematou o primeiro ano de vida de Ainé. Un 1 de xaneiro de 2015 pasaba á historia das nosas vidas como o día no que comezaba unha aventura que non podía apetecernos máis. A nosa intención era facer cousas relacionadas coa cultura, e aínda que a vantaxe de camiñar ao carón de Touri, Marcos, Fede e Pepo era toda unha garantía, esforzámonos desde o principio por non depender de ninguén, por buscar debaixo das pedras o traballo que nos permitiría prolongar esta viaxe durante moito tempo. E cremos que non o fixemos mal de todo!
Viaxamos moito, e percorremos Galicia acompañando aos nosos monologuistas en cada actuación. Viaxamos con Manolo Lojo, pero tamén con Touri. Coas Cantareiras de Ardebullo, con Curtis e Teixeiro, con Pepo, con Fede, con Isi… Estivemos con Víctor Grande, con Pablo Meixe, con Pedro Brandariz… Canto talento!
Participamos na produción dun monólogo teatralizado para R co que visitamos localidades como Allariz, O Barco, Ponteceso ou As Pontes. Botamos unha man aos nosos amigos de Etiqueta Negra en Amigos ata a morte. Enchémonos de monte e natureza nos Sendeiros Pedagóxicos de Castelo Deporte, unha asociación coa que tamén colaboramos noutros proxectos como un punto de valoración do estado físico na carreira pola ría do Burgo ou a propia Travesía do Xalo en Culleredo.
Na segunda metade do ano tocou televisión e tocou produción de eventos: puxemos o noso grao de area para que Buscando Ardebullo, un programa que en pouco tempo verá a luz na Televisión de Galicia fora, ou iso cremos, todo un éxito. Organizamos varias presentacións dos novos modelos de Mercedes Benz en Galicia, e tamén de Volvo. Encargámonos de moitas cousas nun evento para Ence en Pontevedra coa xente de quattro idcp, e organizamos a festa dos 50 anos de Cafés Siboney e a presentación da Joyería Jael na Coruña.
Mandamos a Javi a Almería para traballar na produción de Dhogs, puxemos bonito o Soho da Coruña para a presentación de LaMagall e para unha festa ambientada no Gran Gatsby, montamos todo un campo de fútbol cheo de actividades de lecer no torneo do Depor en Abegondo…
Fixemos estas e tantas outras cousas en movemento, e cando parabamos, traballabamos na oficina desde Betanzos ata xuño e en Matogrande desde xullo. Que lonxe queda xa a que durante a primeira metade do ano foi a nosa casa, e canto botamos de menos á xente do Dimi!
Aínda que na Coruña recibíronnos da mellor das formas: fixémonos amigos de toda a xente de CSC e do Soho, con quen compartimos agora partidas de padel, cafés e ata algunha copa.
E fixemos todo isto grazas a moita xente, pero sobre todo grazas a Touri, Marcos, Fede, Pepo, Manolo e Javi. E fomos moitos os que ao longo do ano formamos parte desta historia: Alicia, Juan Torrado, Miguel, Héctor, Laura, Jorge, Adri, Cris, Sofía, Javi e Álvaro, pero tamén todos e cada un dos que en cada proxecto e para centos de cousas quixestes botarnos unha man e formar parte do noso equipo.
Se as cousas en 2016 non van todo o ben que deberan non será por ganas nin por ilusión. Seguimos remando!
Feliz 2016.
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán súmase a ‘Mentes Peligrosas’ este sábado en Vigo
Xosé A. Touriñán participará este sábado en Vigo en ‘Mentes Peligrosas’, un dos espectáculos de comedia máis exitosos do Estado, cun dobre pase no Auditorio Mar de Vigo.
‘Territorio Regueifa’ encara a súa estrea en Carballo
O espectáculo dirixido por José L. Prieto abrirá mañá a venda de entradas e estrearase o 6 de febreiro en Carballo, iniciando así unha nova etapa.
‘Amoriños’ amplía a súa segunda xira con novas datas e funcións
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo suma novas paradas na súa xira de primavera, incluíndo no percorrido a Vilagarcía, Santiago, Ourense, Cee e Narón.


