‘Como ser Armario Empotrado’: o novo monólogo co que Marcos Pereiro xirará por toda Galicia
A Illa de Arousa será a primeira parada dunha xira que levará ao actor cullerdense a outras seis localidades nos dous próximos meses para estrear o seu primeiro espectáculo en solitario. ‘Como ser armario empotrado’ é o título dun divertido monólogo sobre a experiencia do propio protagonista nun particular ximnasio.

Que estar en forma está de moda é un feito. Que lle pregunten se non a Marcos Pereiro, asiduo cliente dos mellores ximnasios: aqueles nos que hai toallas de balde para secar a suor, monitores con nomes de nivel, e clientes da categoría de, por exemplo, Armario Empotrado, a quen Pereiro prestou especial atención durante meses, collendo recortes, para poder contalos nos mellores escenarios de Galicia.
Na Illa de Arousa terá lugar a estrea, o venres 10 de marzo. Unha semana despois visitará Ribadeo, e xa na segunda quincena de maio estará na Coruña, Compostela e Noia, para despedir a xira o 7 de abril en Cedeira e o día 15 en Redondela. Sete oportunidades para gozar coas historias de Pereiro na que será a súa primeira aventura en solitario sobre os escenarios, logo de compartir durante anos diferentes espectáculos con compañeiros e amigos como Xosé A. Touriñán ou Federico Pérez.
Marcos Pereiro é actor desde moi novo. Xunto con Touriñán deuse a coñecer desde o escenario do Luar, na Televisión de Galicia, no que foi o primeiro de decenas de traballos no audiovisual, entre os que destacaron Terra de Miranda, Air Galicia, Vilamor, Tourilandia, A Casa da Conexa ou Buscando Ardebullo. Como Nucha, das Cantareiras de Ardebullo, percorreu centos de verbenas do país, e desde o pasado ano forma parte do elenco de O Tolleito, un texto teatral de Cándido Pazó que recolle sensacionais críticas e co que aínda xira polos teatros de toda Galicia.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Amoriños’ chega ao Noroeste Estrella Galicia cunha edición especial en Santa Margarida
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo formará parte da programación da 39 edición do Festival Noroeste Estrella Galicia cunha función especial o 9 de agosto.
Xosé A. Touriñán incorpórase ao elenco da terceira e última tempada de ‘Clanes’
A serie de Netflix producida por Vaca Films despídese cunha última entrega que volve reunir a Clara Lago e Tamar Novas como protagonistas, xunto a un amplo elenco do que forma parte Xosé A. Touriñán. A tempada final pecha a historia deste universo do narcotráfico en Cambados.
Máis improvisación oral para despois do verán: ‘Territorio Regueifa’ suma tres novas funcións
O espectáculo regresará aos escenarios en outubro e novembro con tres novas funcións xa confirmadas. Entre elas destaca a primeira representación fóra de Galicia, que terá lugar en Barakaldo.


