Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A Lacena Pequena presentouse hoxe en Ponte Ulla (Vedra), onde xa está instalada para iniciar a súa primeira ruta. A programación terá lugar os días 18 e 19 de setembro. Despois desta fin de semana, o proxecto continuará o seu percorrido por diferentes localidades de menos de 5.000 habitantes vinculadas ás rutas xacobeas.
A primeira parada de A Lacena Pequena desenvolverase os días 18 e 19 de setembro en Ponte Ulla, cunha programación construída arredor da memoria local, as mulleres, os coidados, a creación, a música e a gastronomía.
O proxecto, promovido por Ainé e E-ló? D Arquitectura e impulsado pola Xunta de Galicia ao abeiro do programa ‘O Teu Xacobeo’, presentouse esta mañá antes de abrir as súas portas durante a fin de semana.
A primeira parada terá lugar os días 18 e 19 de setembro e contará cunha programación construída arredor da memoria local, as mulleres, os coidados, a creación, a música e a gastronomía. A proposta permitirá coñecer tamén unha das claves do proxecto: en cada lugar, a Lacena adapta os seus contidos ás persoas, colectivos e iniciativas da contorna.
A actividade comezará mañá, venres 18, coa mostra Cántigas da Ulla, da Asociación Raiceiros, que reúne coplas recollidas na contorna da Ulla. A programación continuará coa conversa Mulleres que enchen lacenas, na que participarán Chío, Fina Guitián, Patricia Martínez e Pura Seoane.
A xornada incluirá tamén unha conversa arredor dos coidados, con Hadriana Casla, Mulleres Rurais de Vedra e Mulleres que Contan, seguida da proxección do documental Mulleres que Contan. A música de Esperanza Mara poñerá o peche á primeira xornada.
O sábado 19, a programación continuará cun encontro arredor da creación e a cultura, con Iván García, Antón Vázquez, Emily Rodríguez, Sabela Maceira e Víctor Bouzón. A primeira parada da Lacena pecharase cun vermú a cargo de Tapa d’Orella, que combinará música e gastronomía cunha degustación de propostas de tapa de orella, tanto salgadas como doces, acompañadas por viños da D.O. Rías Baixas-Ribeira do Ulla.
A ruta continuará despois de Vedra por Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, completando así cinco paradas en concellos de menos de 5.000 habitantes polos que transcorre algún dos Camiños de Santiago. Cada unha contará cunha programación propia, vinculada ás características e ás comunidades dos lugares nos que se instale.
As datas e os detalles das próximas paradas estarán dispoñibles en alacenapequena.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.
Ainé estrea unha aplicación móbil para achegar a súa actividade ao público
A ferramenta reúne nun mesmo espazo a programación de espectáculos, as opcións de compra de entradas, as últimas noticias e os contidos audiovisuais da produtora. Está dispoñible de balde para dispositivos iOS e Android.
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.



