Así foi a participación de Touriñán en El Club de la Comedia
O actor e humorista cullerdense foi un dos monologuistas do coñecido programa de laSexta o pasado martes. A súa intervención, seguida e comentada por centos de espectadores desde Galicia nas redes sociais, foi das máis aplaudidas da noite.
Para todo hai unha primeira vez, e a de Xosé A. Touriñán en El Club de la Comedia é xa historia. laSexta emitiu a pasada noite a participación do humorista cullerdense nun dos formatos de comedia máis exitosos da historia recente da televisión. Un divertido monólogo relacionado con algúns detalles dos galegos, que no seu día tiveron que escoller entre as dúas infantas, que en realidade suben ou baixan, ou que nunca serán un problema nunha consulta sobre a independencia.
Dez minutos dun Touriñán ao que moitos escoitaban por primeira vez falando en castelán, e que tamén así foi quen de sacar as mellores gargalladas da noite. Tanto no Teatro Alcázar de Madrid como nas casas dos milleiros de persoas que o viron a través da televisión, tanto en Galicia como no resto do Estado.
Revolución na rede
A emisión de El Club de la Comedia con Touriñán revolucionou a numerosísima comunidade de fans e seguidores do humor galego na rede. Desde que se anunciou a súa participación, o pasado domingo, todas as publicacións nas diferentes plataformas acadaron cifras record.
A páxina de fans en Facebook de Touriñán rexistrou os mellores datos desde que existe, con publicacións que chegaron a máis de medio millón de persoas. Tamén a web de Ainé, a produtora do actor cullerdense, bateu records, situando a noticia sobre El Club de la Comedia como a máis lida desde que existe, triplicando en visitas á segunda.
Rematado o programa, Touriñán foi ademais tendencia a nivel estatal en Twitter.
NOTICIAS RELACIONADAS
Un novo espazo dixital para seguir a traxectoria de Xosé A. Touriñán
A páxina recompila toda a información profesional do actor, director e produtor nun espazo renovado, accesible e estruturado arredor da súa traxectoria, proxectos e actividade actual.
A xira estatal do monólogo de Touriñán segue medrando e suma novas datas
O espectáculo de Xosé A. Touriñán continúa ampliando o seu percorrido fóra de Galicia cun calendario que segue incorporando funcións ao longo de 2026 e comezos de 2027.
Lamatumbá, finalista nos XIII Premios Martín Códax da Música
A banda ourensá opta ao galardón na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, reafirmando o seu lugar como un dos grandes referentes da festa e da música popular galega.


