‘Amigos ata a morte’, de novo nos teatros
A comedia de Javier Veiga protagonizada por Touriñán, David Amor e Ledicia Sola aspira a encher de novo os teatros de media Galicia no mes de marzo. Etiqueta Negra, encargada da distribución do espectáculo, programa funcións en ata dez localidades.

Catro meses e case 6000 espectadores despois, Amigos ata a morte volve aos teatros. Faino nunha xira pouco usual para un espectáculo destas características nos tempos que corren, que falan da dificultade de encher unha platea por moita que sexa a calidade do texto…
O de Amigos é diferente. Triple función na preestrea de Noia, e cheos na Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Compostela e Ourense. Toda unha marca na historia do teatro en galego. Javier Veiga, o director e autor desta entretida comedia, amosábase encantado co éxito da produción antes do comezo de cada unha das funcións o pasado mes de outubro.
En marzo (incluso xa a finais de febreiro), Amigos ata a morte repite nalgunhas das prazas máis importantes e mesmo chega a localidades pouco acostumadas a recibir unha produción desta magnitude. A ruta comezará en Cangas do Morrazo o sábado 27 de febreiro, seguirá a semana seguinte en Burela (venres 4) e Vilagarcía (sábado 5). Touriñán, David Amor e Ledicia Sola estarán o 10 e o 11 en Pontevedra e o 12 en Vigo. En Ourense o xoves 17 e o venres 18, na Coruña o sábado 19 de marzo, e en Narón o domingo 20. O 26 de marzo visitarán Lugo, e case un mes despois, o 22 de abril, tocaralle a Compostela despedir a xira.
Para todas as funcións están xa á venda as entradas en Ataquilla e nos puntos de venda habituáis. Se a historia se repite serán moitos os que quedarán ás portas, por iso no cartaz desta segunda xira queda ben clara a advertencia: desta volta, non quedes sen entrada.
NOTICIAS RELACIONADAS
O concerto de Bibopalula
As cancións da serie musical en galego Bibopalula chegarán ao escenario da man de Isabel Garrido (voz), que interpretará os temas da súa banda sonora xunto a Luis Lago (piano), Graciela Carlos (batería) e Pedro Placer (guitarra), nun espectáculo pensado para gozar en familia.
Xosé A. Touriñán presenta ‘Moi Animal’, o seu novo monólogo
O humorista estrea unha nova proposta escénica arredor da nosa relación cos animais e das contradicións da especie humana. A xira comezará en outubro e percorrerá once localidades galegas.
Moi Animal
‘Moi Animal’ é o novo monólogo de Xosé A. Touriñán. A partires de outubro, percorrerá Galicia reflexionando sobre a nosa peculiar relación co resto das especies.


