‘Catro Gatos’ chega este domingo á Televisión de Galicia
Xosé A. Touriñán, David Perdomo, Fátima Pego e Noemi Rodríguez protagonizan este formato de humor producido por Tex45 coa colaboración de Undodez.

Xosé A. Touriñán regresa ás pantallas da Televisión de Galicia con Catro Gatos, un novo programa de humor para os seráns dos domingos. Trátase dun formato que mestura a tertulia cómica cos sketchs de humor protagonizado por David Perdomo, Fátima Pego, Noemi Rodríguez e o propio Touriñán.
Os catro amigos reúnense cada episodio nun bar no que falan da vida nun ton cómico. Cada un deles recordará unha anécdota que dá paso aos sketchs, nos que os propios protagonistas interpretan diferentes personaxes. A espontaneidade prima en Catro Gatos, un programa no que o personaxe e o actor mestúranse por momentos e no que a conversa sempre agocha sorpresas.
Dirixido por Xosé A. Touriñán, Catro Gatos é unha produción de Tex45 para a Televisión de Galicia en colaboración con Undodez e conta con guións de José L. Prieto, Manuel Cortés, David Perdomo e Xosé A. Touriñán e a realización de Jairo Iglesias. A súa estrea na primeira canle da Televisión de Galicia terá lugar o domingo 23 ás 20.20 horas. Podes seguir toda a súa actualidade no Instagram e no Facebook do programa.
NOTICIAS RELACIONADAS
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.
‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.


