Touriñán convoca centos de afeccionados no encontro con #UNDOSMEUS
Os participantes na campaña #UNDOSMEUS achegáronse á sesión de fotos e sinaturas no estadio ABANCA-Riazor
A iniciativa impulsada por Xosé A. Touriñán recadou 43.680€ para o fútbol base deportivista

Este luns, Xosé A. Touriñán estivo no estadio ABANCA-Riazor para participar no acto de entrega de recompensas de #UNDOSMEUS. A campaña, organizada polo cullerdense, mobilizou á base social do Deportivo co fin de patrocinar ao fútbol base do equipo. En tan só un día, a iniciativa recadou 43.680€ cos que, baixo a etiquete #UNDOSMEUS, a afección deportivista esponsorizará todos os xogadores formados en Abegondo que cheguen ao primeiro equipo esta temporada.
Os participantes na campaña, preto de 2000 persoas, estaban convocados para poder recoller as súas recompensas de mans de Touriñán e os xogadores do equipo xuvenil. Foron centos os afeccionados que se achegaron para levar un recordo deste movemento en favor do fútbol base que revolucionou o deportivismo. Moitos aproveitaron a xornada para acudir ao céspede e levar un recordo en forma de sinatura ou fotografía. Numerosos nenos pisaron por vez primeira o campo no que os xogadores do fútbol base están chamados a dar moitas alegrías nos próximos anos.
Podes acceder á galería de imaxes neste enlace.
Partido de volta da UEFA Youth League
Esta xornada festiva ten lugar nunha semana especialmente importante para o Deportivo. O mércores, día 20, o xuvenil afronta a volta da UEFA Youth League na que terá que remontar un resultado de 3-0 contra o MKS Pogoń Szczecin. O club convidou a todos os participantes de #UNDOSMEUS a asistir ao encontro de xeito gratuíto como agradecemento ao seu apoio á Canteira deportivista.
NOTICIAS RELACIONADAS
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.
‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.


