Fariña conquista a Madrid e ergue a bandeira da cultura segura
O espectáculo dirixido por Tito Asorey estreouse o pasado xoves nas Naves del Español enchendo a Sala Fernando Arrabal ata o aforo máximo permitido. A adaptación ao teatro da obra de Nacho Carretero mantén programadas vinte e dúas funcións na capital, ata o 11 de outubro.

A do xoves foi unha noite de estrea especial en Madrid. A aposta de Fariña, un espectáculo de grande formato, cun equipo de dezaseis profesionais entre actores e técnicos, comezaba o seu percorrido nas Naves del Español no momento de maiores incertezas que se recorda no sector das artes escénicas.
O apoio do Ayuntamiento de Madrid, programando o espectáculo nunha das salas mellor valoradas da rede de teatros públicos, e o compromiso da produción galega mantendo a xira pese a depender basicamente dos ingresos de billeteira, fará posible que a adaptación da obra de Nacho Carretero permaneza nas táboas de Matadero durante case un mes.
O público aclamou en pé ao equipo de Fariña ao remate da estrea, cunha sala chea ata os tres cuartos da súa capacidade -o máximo permitido-, e levou despois ás redes sociais infinidade de comentarios recomendando a peza.
A este primeiro pase nas Naves del Español asistiron algúns dos nomes máis relevantes do xornalismo e a cultura en Madrid, así como da política, como a Ministra de Traballo e Economía Social, a galega Yolanda Díaz, e a Delegada da Área de Goberno de Cultura, Turismo e Deportes do Ayuntamiento de Madrid, Andrea Levy.
Nacho Carretero compartiu impresións antes e despois da estrea co público, que en moitos casos agradeceu a aposta por manter bos niveis de programación cultural, coas medidas de seguridade necesarias, a pesar da crise sanitaria. A do xoves foi a primeira función da temporada na Sala Fernando Arrabal, que xestiona o Teatro Español.
O primeiro cartel de “entradas esgotadas”
Logo do éxito da estrea, e dunha función cunha importante afluencia de público o segundo día de Fariña en Matadero, o sábado o espectáculo colgou por primeira vez o cartel de “entradas esgotadas”. As entradas anticipadas pódense adquirir para todas as funcións (ata o 11 de outubro, cada día agás os luns), a través da páxina web do teatro.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.


