‘Amigos ata a morte’ anuncia unha terceira xira
O espectáculo teatral máis exitoso dos últimos tempos en Galicia estará de novo nos teatros e auditorios das principais cidades e vilas do país. David Amor, Ledicia Sola e Xosé A. Touriñán forman o elenco da obra, escrita e dirixida por Javier Veiga.

Amizade e amor non sempre encaixan como deberan… Xa se sabe: semella o plan ideal ata que en calquera momento se produce a explosión por unha non recomendable mestura de ingredientes. Nacho, Anxo e María o saben ben, ao igual que os espectadores que xa viron como David Amor, Xosé A. Touriñán e Ledicia Sola eran os encargados de darlles vida dun xeito maxistral en ‘Amigos ata a morte’, a obra de Javier Veiga que esta primavera volve cunha terceira xira.
Dous homes, unha muller, e un par de historias de amor. Os tres eran amigos de toda a vida, inseparables ou non tanto. A vida cambia demasiado rápido, e un xiro que ninguén espera pode deixar todos patas arriba, e a amizade pasa entón a verse doutro xeito… É o resumo, sen contar demasiado, e por suposto sen contar o final, do espectáculo teatral máis exitoso dos últimos tempos na escea galega. Varios miles de espectadores en dúas xiras nas que non sobraron butacas baleiras: motivo suficiente para seguir batindo records.
Pontevedra (10 de marzo), Vilalba (31 de marzo), Santiago (1 de abril), Ourense (7 de abril), Lugo (21 de abril), Vigo (22 de abril) e A Coruña (29 de abril) son as primeiras datas anunciadas para a volta aos teatros dun texto de Javier Veiga representado en diferentes paises e idiomas. As entradas están xa á venda a través de www.amigosataamorte.com, onde se pode atopar máis información do espectáculo.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.


