Marcos Pereiro leva á rede o seu outro oficio
Marcos Pereiro Pics é o título da nova web de fotografía do actor cullerdense, no que recompila algunhas das súas últimas instantáneas. Titulado Superior en fotografía artística, Pereiro chegou a exercer como fotógrafo nalgún xornal en tanto se facía coñecido como actor e humorista.

Non toda Galicia sabe, aínda que si a maioría, que detrás de Nucha e Kevin José está un dos mellores actores do noso país. O que non coñecen nin sequera a maioría é que ese actor ten outro oficio: o de fotógrafo.
Marcos Pereiro (Alemaña, 1981) tivo sempre unha paixón, que desde pequeno foi quen de desenvolver paralelamente á que finalmente se converteu na súa profesión, a de actor e humorista.
Levo anos facendo fotos, recordo con 5-6 anos, en Alemaña onde nacín, o meu veciño, o fotógrafo da vila, pediume que movese unha tina que cheiraba a vinagre nunha habitación semioscura só iluminada por unha tenue luz vermella. E boom! Alí apareceu o retrato dunha moza nun anaco de papel que facía uns segundos era branco sen nada nel. Recordo ese momento como un dos importantes na miña vida e dende ese momento o acto fotográfico é parte do que son.
Amante do branco e negro, viviu a evolución da fotografía en carrete á dixital mentres exploraba outras afeccións. Ningunha delas resultou ser tan intensa e prolongada no tempo. Varias cámaras e outros tantos obxectivos despois, a pasada semana Marcos decidiuse a difundir o resultado do traballo realizado nos últimos meses. Estreou marcospereiropics.com, unha páxina na que recolle, con blog incluído, as súas mellores fotos de entre as realizadas ultimamente.
A páxina reparte as fotografías en dúas categorías iniciais (cor e branco e negro), e conta cunha breve biografía escrita por Marcos a maiores do blog, onde esta pasada fin de semana publicaba a súa primeira entrada. Paralelamente, a súa páxina en Facebook recolle as principais novidades relacionadas coas actualizacións da web.
NOTICIAS RELACIONADAS
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.
‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.


