‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante promovido por Ainé e E-ló? D Arquitectura, e impulsado pola Xunta de Galicia dentro do programa ‘O Teu Xacobeo’, levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.
A Lacena Pequena presentarase oficialmente mañá, 17 de setembro, en Ponte Ulla (Vedra), nun acto que marcará o inicio do seu percorrido por diferentes puntos de Galicia. O proxecto, impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura, converte un contedor marítimo reciclado nun espazo cultural móbil que se despraza para acoller programación en pequenos núcleos de poboación.
A iniciativa nace co obxectivo de facer a cultura máis accesible e achegar programación cultural a localidades de menos de 5.000 habitantes. Para iso, A Lacena Pequena desprazarase dun lugar a outro cunha infraestrutura capaz de acoller concertos, exposicións, artes escénicas, obradoiros, encontros ou propostas gastronómicas. A programación adaptarase en cada parada ás características do territorio e ás persoas que o habitan, construíndo en cada lugar unha proposta propia. Todas as actividades serán, ademais, de acceso gratuíto.
A Lacena Pequena xa puido comprobar o funcionamento desta fórmula durante a primeira experiencia piloto no Castelo Conta. Ao longo da súa estancia no festival, o contedor acolleu obradoiros, exposicións, coloquios, concertos e presentacións, entre outras actividades. A diversidade das actividades permitiu comprobar na práctica as posibilidades da Lacena como espazo cultural, capaz de acoller formatos e propostas diferentes e de adaptarse ás necesidades de cada programación. A experiencia en Castelo permitiu así testar o seu funcionamento como lugar para a creación, a divulgación, a participación e o encontro.
Agora o proxecto dá o seguinte paso. Mañá presentará en Vedra as cinco paradas do seu primeiro percorrido por Galicia, que se desenvolverá en localidades de menos de 5.000 habitantes. Cada unha contará cunha programación propia, vinculada ás características e ás comunidades dos lugares nos que se instale.
Ponte Ulla será a primeira delas. Durante esta fin de semana, A Lacena Pequena acollerá exposicións, conversas, unha proxección documental, música e propostas gastronómicas, nunha programación que terá como fíos a memoria, a cultura da Ulla, os coidados e a creación.
O percorrido que comeza agora permitirá continuar explorando as posibilidades desta lacena que viaxa dun territorio a outro, levando consigo diferentes formas de crear, compartir e participar na cultura.
A Lacena Pequena é un proxecto promovido por Ainé e E-ló? D Arquitectura e impulsado pola Xunta de Galicia dentro do programa ‘O Teu Xacobeo’.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.



