Lamatumbá gaña o Premio Martín Códax da Música na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena

Lamatumbá foi unha das formacións premiadas na XIII edición dos Premios Martín Códax da Música, celebrada a pasada semana no Pazo da Cultura de Pontevedra. O grupo recibiu o galardón na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, consolidando unha traxectoria que leva case tres décadas ligada á música festiva galega.

Lamatumbá recollendo o premio na cartegoría de Orquestras e Música de Verbena.

A banda ourensá Lamatumbá vén de recibir o Premio Martín Códax da Música na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, nunha gala celebrada o pasado 27 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra e organizada pola asociación Músicas ao Vivo.

Este recoñecemento impulsa e reforza o momento que atravesa actualmente o grupo, inmerso na xira de LAMATUMBÁ… E XA ESTÁ!, unha proposta coa que continúa levando aos escenarios a súa particular maneira de entender a festa, a música popular e o directo.

Formada en Ourense a finais dos anos noventa, Lamatumbá converteuse ao longo dos anos nun dos nomes máis recoñecibles da música galega grazas a unha proposta que mestura ska, reggae, rock, cumbia, funk e folk desde unha identidade propia marcada pola retranca, a celebración e a conexión co público.

Ao longo da súa traxectoria, a banda construíu un repertorio que forma xa parte do imaxinario colectivo galego, con temas como Licorcafé ou traballos como Lume (para que saia o sol), contribuíndo a renovar os códigos da verbena e das festas populares.

Durante a recollida do premio, os integrantes do grupo agradeceron o recoñecemento e quixeron lembrar ás preto de corenta persoas que formaron parte do proxecto ao longo destas décadas. Foi un momento de alegría, orgullo e honra.

O galardón sitúa a Lamatumbá entre os proxectos distinguidos nesta XIII edición dos Premios Martín Códax da Música, uns premios que continúan consolidándose como unha das principais plataformas de recoñecemento para a música feita en Galicia e para a diversidade de propostas que conforman o sector musical do país.

A banda continuará nos próximos meses o percorrido de LAMATUMBÁ… E XA ESTÁ! con novas citas en festivais como Rockandorna, en Ribeira, ou Terra Brava, no Incio, mantendo vivo un proxecto que segue a formar parte da memoria festiva de varias xeracións de galegas e galegos.

Entrada anterior
‘Amoriños’ despídese na Coruña cunha intensa fin de semana de seis funcións
Seguinte entrada
‘Amoriños’ pecha a súa xira de primavera tras 44 funcións e 35.000 espectadores

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Lamatumbá gaña o Premio Martín Códax da Música na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.