O monólogo de Touriñán continúa a súa xira estatal e suma novas funcións
A xira estatal do monólogo de Xosé A. Touriñán continúa avanzando con forza tras o seu inicio en Madrid a comezos de ano. O humorista segue levando o seu espectáculo a distintos escenarios fóra de Galicia, cun calendario que vai sumando novas datas para despois do verán.
Despois das primeiras funcións celebradas en Madrid e da recente parada en Bilbao, a xira estatal do monólogo de Xosé A. Touriñán continúa o seu percorrido cunha nova función esta mesma semana. O actor regresará ao Teatro Arlequín Gran Vía de Madrid este 20 de marzo, consolidando a cidade como un dos puntos centrais desta xira.
O calendario continuará nas próximas semanas con novas paradas en diferentes cidades do Estado. Entre elas destaca a función prevista en Barcelona o 27 de marzo, que xa esgotou todas as entradas dispoñibles, antes do regreso do espectáculo a Madrid o 11 de abril e da posterior actuación en Oviedo o 23 de maio.
Ademais destas citas xa confirmadas para a primavera, o percorrido do monólogo seguirá ampliándose nos próximos meses. A xira incorporará novas funcións no outono con paradas previstas en Madrid o 3 de outubro, Barcelona o 23 de outubro e Zaragoza o 31 de outubro, datas que sairán á venda proximamente.
O monólogo constrúese arredor da palabra, a experiencia e a proximidade co público. Sobre o escenario, Touriñán mestura realidade e ficción para facer un repaso pola súa propia biografía, revisitando decisións acertadas, erros inevitables e momentos que marcaron o seu camiño persoal e profesional. A través desta mirada, o espectáculo combina humor, memoria e referencias culturais que conectan facilmente coa experiencia compartida do público.
As entradas para as funcións actualmente dispoñibles poden adquirirse a través da web touri.gal, onde tamén se irá actualizando a información sobre as novas datas da xira.
A Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia subvenciona este espectáculo a través das súas axudas á distribución exterior.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Territorio Regueifa’ continúa o percorrido fóra de Galicia con dúas funcións en Asturias
O espectáculo chegará a Xixón e Vegadeo os días 27 e 28 de novembro, respectivamente, nunha nova parada da xira que está levando a improvisación oral galega a outros territorios.
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.



