A regueifa chega ás Rías Baixas
Despois da súa estrea en Carballo, territorio simbólico da tradición regueifeira, 'Territorio Regueifa' continúa o seu percorrido por Galicia e fai parada en Boiro. Este venres, acollerá unha nova oportunidade para descubrir (ou redescubrir) a forza contemporánea da improvisación oral galega sobre o escenario.
O Centro Social de Abanqueiro, en Boiro, acolle este venres 6 de marzo ás 21.00 unha nova función de Territorio Regueifa, un espectáculo que mestura teatro, humor, música e improvisación para introducir ao público na arte da regueifa, nas súas orixes e na súa evolución ata a actualidade.
A proposta constrúese como unha viaxe escénica pola memoria e polo presente da improvisación oral galega. Entre momentos de retranca, música en directo e xogos co público, a función pon en valor unha práctica que durante séculos foi espazo de encontro, debate e celebración comunitaria. A regueifa aparece así non como peza de museo, senón comoterritorio vivo, capaz de estar presente na escena contemporánea sen perder a súa raíz popular.
Cada función convértese nun acontecemento único, atravesado pola enerxía do directo e pola capacidade dos intérpretes, Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, para ler o que acontece na sala. A palabra improvisada funciona como motor da experiencia, borrando as fronteiras entre escenario e patio de butacas e convertendo o espectáculo nun exercicio compartido de humor, identidade e complicidade.
Tras unha estrea moi significativa en Carballo, lugar especialmente vencellado á tradición regueifeira, Territorio Regueifa continúa así a súa xira levando a improvisación oral a novos escenarios e públicos, reivindicando a súa vixencia e a súa capacidade para dialogar coa actualidade desde o humor, a identidade e a creación colectiva.
As entradas poderán adquirirse o mesmo día da función na taquilla do Centro Social de Abanqueiro, a partir das 20.00.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



