‘Amoriños’ amplía a súa segunda xira con novas datas e funcións
Tras a boa acollida das primeiras datas anunciadas, o espectáculo continúa medrando sobre as táboas. O seu percorrido de primavera incorpora agora novas paradas en Vilagarcía, Santiago, Ourense, Narón e Cee.
A segunda xira de Amoriños, o espectáculo creado e interpretado porXosé A. Touriñán e David Perdomo, continúa collendo forza de cara á primavera. Tras o éxito da primeira etapa, marcada polos cheos e a resposta entusiasta do público, o espectáculo suma agora novas funcións e cidades, cun percorrido que se estende ao longo de varios meses polos auditorios e teatros do país. Unha oportunidade para que máis persoas poidan reencontrarse co humor, a emoción e a improvisación que caracterizan a proposta.
As novas funcións incluirán paradas en Vilagarcía de Arousa (14 de marzo ás 21.00 no Auditorio Municipal), Santiago de Compostela (15 de marzo ás 18.00 no Auditorio de Galicia), Cee (segundo pase o 8 de maio ás 23.00 na Casa da Cultura), Narón (16 de maio ás 21.00 no Padroado da Cultura) e Ourense (22 de maio ás 20.30 no Auditorio Municipal), que se engaden ás funcións previamente anunciadas en Ponteareas (10 de abril), Lugo (18 de abril), Vilalba (1 de maio), Vigo (9 de maio) e Pontevedra (30 de maio), completando un percorrido extenso e diversificado.
En Amoriños, Touriñán e Perdomo exploran o sentimento máis universal – e tamén o máis imprevisible-: o amor. Cunha combinación de comedia, improvisación constante e emoción, cada función remata por converterse nun encontro único, distinto do anterior. A complicidade entre os intérpretes e a interacción directa co público fan que cada pase sexa unha experiencia viva e participativa, construíndo o espectáculo no momento e xunto á resposta das persoas espectadoras.
A ampliación desta segunda xira confirma o bo momento de Amoriños que, tras consolidarse na súa primeira etapa, agora continúa ofrecendo máis encontros, máis cidades e novas oportunidades para que o amor, na súa versión máis caótica, divertida e imprevisible, volva facer das súas sobre as táboas.
As entradas están xa á venda a través da web do espectáculo: www.amorinos.info
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



