Estreamos ‘Territorio Regueifa’, un espectáculo para celebrar a tradición oral galega
Dirixido por José L. Prieto, estrearase no FIOT, en Carballo, o venres 3 de outubro, mesturando música, humor, improvisación e narración para poñer en valor unha das manifestacións máis singulares da tradición oral.
Ainé estreará o próximo 3 de outubro ‘Territorio Regueifa’, un espectáculo de teatro, humor, música e improvisación, no que dous regueifeiros e unha regueifeira introdúcennos na arte da regueifa, as súas orixes , a súa evolución, e a súa vixencia na actualidade.
O espectáculo combinará a didáctica coa recreación de distintas escenas teatrais, como a primeira regueifa da historia, a incorporación da muller no mundo da improvisación rimada, ou como sería un telexornal feito en verso, e tamén o público participará de forma activa recibindo unha clase de iniciación á improvisación oral cantada, que rematará cunha gran festa musical final.
Dirixido e escrito por José L. Prieto, con máis de trinta e cinco anos de traxectoria profesional no teatro galego, o espectáculo conta con Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Manolo Maseda no elenco.
O FIOT e o Centro Dramático Galego participan como coproductores no proxecto. As primeiras funcións terán lugar o 3 de outubro ás 21:00 e o 4 de outubro ás 20:00 no Pazo da Cultura en Carballo, no marco do festival organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte, que acollerá tamén outras actividades paralelas relacionadas coa regueifa, como unha mesa redonda organizada polo Consello da Cultura Galega, o próximo mércores 25, ou a participación do equipo do espectáculo no formato Onda Fiot o sábado 4.
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán recibe o Premio de Honra Manuel Lourenzo de Feteagal
O recoñecemento foi entregado o pasado sábado no Teatro Colón da Coruña, durante a gala dos I Premios Feteagal Manuel Lourenzo do Teatro Amador Galego.
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.
‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.



