‘Bibopalula’ prepárase para dar o salto aos escenarios esta fin de semana
O primeiro gran musical infantil en galego estréase esta fin de semana na Coruña e Santiago prometendo moitas sorpresas. Marta Lado dirixe unha proposta protagonizada por Lidia Veiga que estará de xira durante todo o mes de xuño.
O equipo do espectáculo de Bibopalula ultima os preparativos para o lanzamento, este sábado, na Coruña, dunha das propostas máis ambiciosas dos últimos anos no panorama teatral galego. Por primeira vez as nenas e nenos terán a oportunidade de desfrutar dun musical no noso idioma, con máis de dez cancións, coreografías e chamativos efectos especiais e de iluminación.
Bibopalula transfórmase en espectáculo para sorprender a unha xeración de cativas e cativos que xa tiveron ocasión de desfrutar da serie, e que nos últimos meses completan a súa aproximación á Banda do Bosque a través das cancións nas principais plataformas de audio ou un conto infantil, que forman parte da expansión do proxecto.
A Coruña (sábado 7, Teatro Colón) e Santiago (domingo 8, Auditorio ABANCA) serán as primeiras paradas dun espectáculo que xirará por todo o mes de xuño por localidades como Pontevedra, Vilalba, Verín, Vigo, Cee ou Ourense. As entradas están á venda a través de www.bibopalula.gal.
Marta Lado é a autora e directora dun texto que protagoniza Lidia Veiga, no papel de Ava, unha experta observadora de paxaros. Cristina Andrade, Graciela Carlos, Sara Ferro e Nerea Rodríguez completan o elenco interpretando aos protagonistas da Banda do Bosque: Pegui, Carpin, Merli e Robin.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Territorio Regueifa’ continúa o percorrido fóra de Galicia con dúas funcións en Asturias
O espectáculo chegará a Xixón e Vegadeo os días 27 e 28 de novembro, respectivamente, nunha nova parada da xira que está levando a improvisación oral galega a outros territorios.
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.



