‘Somos Criminais e punto final’ rematará a súa xira superando os 25.000 espectadores
O último espectáculo de Touriñán e Carlos Blanco despedirase no mes de xaneiro logo duns intensos meses enchendo teatros e auditorios por toda Galicia. Os dous cómicos fan historia enchendo por vez primeira oito funcións seguidas no Teatro Colón da Coruña.
Despois de dúas semanas de pausa, Somos Criminais e punto final volve aos escenarios con todas as entradas para este 2024 esgotadas. A primeira parada será esta fin de semana en Vigo, no Teatro Afundación, onde Touriñán e Carlos Blanco ofrecerán catro pases para os que non hai asentos dispoñibles desde fai case un mes.
Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán rematarán o ano facendo historia con 8 funcións seguidas no Teatro Colón para as que non hai nin un só oco libre, 6.776 persoas en total. É a primeira vez na historia que un espectáculo galego consegue estes números no teatro coruñés, un récord máis a sumar na exitosa traxectoria de Somos Criminais, proxecto que pecha o seu ciclo con Somos Criminais e punto final.
Xa no 2025, o espectáculo continúa a súa xira en Pontevedra e Narón. Para ambas localidades aínda quedan entradas dispoñibles para o último dos catro pases abertos no Auditorio Afundación e o Pazo da Cultura, respectivamente. Esta gran experiencia co público fai que, no remate da xira en xaneiro de 2025, Somos Criminais e punto final alcance a cifra de máis de 25.000 espectadores.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.



