Ainé participou na xornada ‘Financiar cultura en Galicia: Deducións fiscais por investimento en espectáculos’
Xosé A. Touriñán e Álvaro Pérez Becerra, xunto con Iker Aldea, de Navarro Abogados y Consultores, compartiron cos participantes algunhas das chaves na financiación privada de espectáculos de artes escénicas. A xornada, celebrada en Nordés Club Empresarial, reuniu produtores, xestores culturais e inversores para intercambiar coñecementos e necesidades entre os diferentes axentes.
Nos últimos anos, Ainé vén desenvolvendo un xeito de facer que persegue consolidar estruturas empresariais sólidas nas artes escénicas. Neste tempo, os nosos espectáculos conseguiron chegar a milleiros de novos espectadores e espectadoras e fixérono batendo récords de venda de entradas. En paralelo a este modelo de creación e distribución, comezamos a traballar en diferentes proxectos de innovación e sostibilidade de xeito natural, buscando un modelo pouco explorado nas industrias culturais galegas.
Froito desta experiencia acumulada, os nosos socios, Xosé A. Touriñán e Álvaro Pérez Becerra, xunto con Iker Aldea, asesor fiscal en Navarro Abogados & Consultores, compartiron cos asistentes as particularidades das empresas culturais e os incentivos fiscais asociados aos investimentos neste sector. A pregunta a responder era: como se financia a industria cultural e que posibilidades de investimento existen?
Durante a sesión abordaron mediante supostos e casos prácticos cales son as fórmulas para que unha produtora de artes escénicas poida levantar un proxecto sostible e como os inversores poden participar dese proceso e beneficiarse dos incentivos fiscais asociados. A xornada congregou profesionais da xestión cultural, a produción de espectáculos e inversores privados que, despois da sesión, compartiron un almorzo de traballo no que resolver dúbidas e na que se teceron novas redes.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.



