‘Somos Criminais’ é xa o espectáculo con máis entradas vendidas da historia do teatro en Galicia

Touriñán e Carlos Blanco valoraron esta mañá nunha rolda de prensa no Teatro Colón da Coruña o que supón un fito sen precedentes na dramaturxia do noso país. Somos Criminais superou esta semana as 50.000 localidades vendidas, só nove meses despois da estrea, o pasado 31 de marzo na Illa de Arousa.

O resumo de Carlos Blanco non podía ser máis visual: “Cos espectadores de Somos Criminais poderíamos encher Riazor e Balaídos á vez”. O actor arousán e o cullerdense Xosé A. Touriñán compartiron esta mañá rolda de prensa no teatro Colón da Coruña para anunciar que o seu espectáculo é xa o máis exitoso da historia do teatro galego. Ao menos en número de entradas vendidas, máis de 50.000. Cifras de record que o son máis tendo en conta que o espectáculo aínda cumprirá un ano a finais do mes de marzo.

Desde a estrea na Illa de Arousa hai nove meses, Touriñán e Blanco pasaron polas sete cidades galegas e outras tantas vilas, programando dúas, tres, catro e ata seis funcións nunha mesma fin

de semana, colgando o cartel de ‘entradas esgotadas’ en todas e cada unha delas. No mes de xaneiro rematan a segunda xira na Coruña (seis funcións, do 11 ao 13 de xaneiro), Ourense (18 e 19 de xaneiro) e Narón (25 e 26 de xaneiro). Despois, segundo declararon esta mesma mañá “tocará atender a outros proxectos, sobre todo compromisos relacionados co audiovisual, sen descartar volver con este espectáculo nalgún momento”.

Touriñán e Carlos Blanco agradeceron “a inmensa mostra de cariño do público, desprazándose en moitos casos desde lonxe para estar no espectáculo”. Do mesmo xeito, aseguraron sentirse absolutamente sorprendidos e emocionados por datos que nin por asomo sospeitaban ao inicio da xira. “É un desgaste importante, facer dúas funcións nunha mesma tarde non é doado, é un gran esforzo que en cambio se compensa vendo a reacción do público”, aseguraron.

“Que a xente veña ao teatro para divertirse”

Os protagonistas de Somos Criminais quixeron facer tamén unha valoración sobre o estado do teatro galego na actualidade, e do seu futuro. “Xa pasaron os tempos nos que ao teatro galego o mandaban ao auditorio pequeno dun barrio e ao Colón viñan as compañías de Madrid, agora somos nós os que enchemos, con teatro galego, seis veces nunha fin de semana o Colón” -apuntou Carlos Blanco. Touriñán referiuse tamén á importancia de que o teatro sexa entendido pola xente como un plan máis de lecer, “como ir ao fútbol ou a un concerto”. “Ao teatro hai que vir para pasalo ben, e quen proba sabe que se pasa ben, e que é unha experiencia marabillosa” -dixo.

As entradas para as últimas funcións da segunda xira pódense adquirir a través de www.somoscriminais.gal, onde tamén se poden consultar as datas e horarios programados para as citas con Somos Criminais na Coruña, Ourense e Narón.

Artigo anterior
‘Somos Criminais’ chega de novo aos teatros das grandes cidades
Artigo seguinte
Xosé A. Touriñán, protagonista do novo anuncio de Deleite

NOTICIAS RELACIONADAS

Lamatumbá

Lamatumbá é un dos grandes renovadores da música galega. A súa mestura de xéneros, as xiras con grandes da música mundial e os grandes himnos como ‘Licor Café’ convertíronos nunha das bandas máis populares de Galicia.

Portada » Caderno » ‘Somos Criminais’ é xa o espectáculo con máis entradas vendidas da historia do teatro en Galicia