Xosé A. Touriñán e David Perdomo presentan ‘Corentena · Game Over’, o primeiro videoxogo-espectáculo
Pontevedra acollerá o 7 de marzo a estrea dun proxecto que xirará por toda Galicia ata o mes de xuño, con funcións en oito localidades. A proposta é a continuación de 'Corentena', un dos grandes éxitos da pasada temporada nos teatros galegos, con máis de 20.000 espectadores.
Xosé A. Touriñán e David Perdomo saen de novo de xira xuntos. ‘Corentena · Game Over’ é o título da súa nova proposta, a continuación do exitoso espectáculo ‘Corentena’, que á súa vez levou o pasado ano aos escenarios as conversas que os cómicos mantiveron por Instagram nas noites da pandemia diante de decenas de milleiros de espectadores.
Nesta ocasión os teatros de toda Galicia serán o escenario no que se mesturarán dúas realidades, con personaxes presentes e outros ao outro lado dun videoxogo creado para a ocasión e no que o público terá ocasión de participar.
Pasado o tempo da pandemia anúnciase que o antídoto contra calquera novo virus está moito máis cerca do previsto. É momento de emprender un emocionante camiño cheo de obstáculos e emocións para atopar o remedio a todos os problemas futuros. Unha viaxe chea de seres estraños, personaxes xa coñecidos e outras criaturas xamáis vistas…
O auditorio da sede de Afundación en Pontevedra acollerá a estrea do espectáculo o venres 7 de marzo, como inicio dunha xira que levará a Touriñán e Perdomo ata Ourense, Burela, A Coruña, Vilalba, Vigo, O Grove e Lugo. Para o outono quedarán outras tantas localidades nas que tamén será posible desfrutar desta experiencia teatral inédita.
A través da web do espectáculo, www.corentena.gal, será posible mercar as entradas desde este venres ás 11.00, en prezos que varían en función das zonas en cada teatro, entre os 15 e os 20 euros. ‘Corentena · Game Over’ aspira a repetir o sensacional éxito da primeira parte desta saga, que viron máis de 20.000 espectadores no 2024.
Os propios David Perdomo e Xosé A. Touriñán son os artífices dos textos deste novo espectáculo, que producen Laura Canto, Javi Lopa e Álvaro Pérez Becerra, co deseño de audiovisuais a cargo do animador Nacho Laya, e a iluminación de Gonzalo Porteiro. A identidade gráfica é obra de The Art Warriors.
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán recibe o Premio de Honra Manuel Lourenzo de Feteagal
O recoñecemento foi entregado o pasado sábado no Teatro Colón da Coruña, durante a gala dos I Premios Feteagal Manuel Lourenzo do Teatro Amador Galego.
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.
‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.



