Unha historia coral con acento galego: chega ‘Rondallas’
A nova película de Daniel Sánchez Arévalo, chegará aos cines o próximo 1 de xaneiro de 2026. Rodada en distintas localizacións de Galicia, a cinta aposta por un relato arredor da comunidade e a tradición musical, e conta cun elenco no que participa Xosé A. Touriñán.
Rondallas marca o regreso de Daniel Sánchez Arévalo ao cinema, cunha proposta ambientada nunha vila mariñeira galega. A película, que se estreará nos cines o próximo 1 de xaneiro de 2026, foi rodada en distintas localizacións de Oia, A Guarda, Baiona, Tui e Vigo, convertendo o territorio e a tradición musical en parte esencial do relato.
O punto de partida é un momento de ruptura: tras un tráxico naufraxio, a comunidade afronta o loito e a perda. Nese contexto nace a idea de formar unha rondalla, un grupo musical tradicional no que participan persoas de todas as idades. A música funciona así como ferramenta de encontro, memoria e reconstrucción emocional e, por suposto, tamén como eixo arredor do cal se organiza a narración.
O filme conta cun amplo elenco no que participan Javier Gutiérrez, María Vázquez, Tamar Novas, Carlos Blanco, Judith Fernández, Fer Fraga ou Marta Larralde. Entre eles atópase tamén Xosé A. Touriñán, que suma este proxecto á súa traxectoria recente no cinema, tras títulos como Cuñados, +Cuñados ou Amigos hasta la muerte. En Rondallas, o actor galego intégrase nunha historia de grupo, na que o peso recae na dimensión colectiva do relato.
Nas últimas semanas, a película vén acumulando un notable impacto mediático. A aparición do equipo xunto á Rondalla Gran Sol no programa La Revuelta contribuíu a situar o filme no centro da conversa cultural, levando a música tradicional galega a un escaparate estatal de gran alcance e anticipando o ton popular e comunitario da proposta.
Producida por Mister Fields and Friends, Bambú Producciones e Rondallas Movie A.I.E., Rondallas conta co apoio de Movistar Plus+, RTVE e a Televisión de Galicia, así como con financiamento do ICAA, Agadic e a Xunta de Galicia, ademais da colaboración da Deputación de Pontevedra.
A estrea chega co novo ano: unha película de drama comedia que aposta polo colectivo, pola música e polo territorio como motores dunha historia pensada para emocionar desde o común.
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán súmase a ‘Mentes Peligrosas’ este sábado en Vigo
Xosé A. Touriñán participará este sábado en Vigo en ‘Mentes Peligrosas’, un dos espectáculos de comedia máis exitosos do Estado, cun dobre pase no Auditorio Mar de Vigo.
‘Territorio Regueifa’ encara a súa estrea en Carballo
O espectáculo dirixido por José L. Prieto abrirá mañá a venda de entradas e estrearase o 6 de febreiro en Carballo, iniciando así unha nova etapa.
‘Amoriños’ amplía a súa segunda xira con novas datas e funcións
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo suma novas paradas na súa xira de primavera, incluíndo no percorrido a Vilagarcía, Santiago, Ourense, Cee e Narón.



