Unha estrea de sesión triple

‘Amigos ata a morte’, a versión en galego da comedia teatral de Javier Veiga, con Xosé A. Touriñán, Ledicia Sola e David Amor, conquistou ao público de Noia, que colapsou a taquilla do Coliseo Noela ata en tres ocasións.

touriledicia
Foto de David Mosquera

Sen venda anticipada de entradas todo na preestrea de ‘Amigos ata a morte’ en Noia era unha incógnita, e ante a incógnita todo éxito sabe mellor. Anunciouse o sábado ao mediodía que esa mesma tarde abrirían as taquillas do Coliseo Noela a través das redes sociais da distribuidora e dos artistas, e desde as seis sucedéronse as colas. O domingo pola mañá anunciouse unha segunda función para as dez e cuarto da noite, e antes de comezar a das oito da tarde xa estaba programada outra para o día seguinte ao mediodía.

É o relato do primeiro día nunha andaina, a da versión en galego do texto de Javier Veiga, que non podía comezar mellor. Dentro do teatro o público riu e aplaudiu o que quixo e aínda máis. Un Xosé A. Touriñán sensacional confirmou estar feito tamén para o teatro, e nun titánico esforzo físico baixo a calor dos focos durante case dúas horas provocou as máis sonoras gargalladas.

Ledicia Sola, no papel de María, e David Amor interpretando a Nacho, non quedaron atrás, e cunha fantástica interpretación permitiron que ao remate da función os espectadores debatiran animados sobre o seu favorito de entre os tres Amigos.

O telón non fixo máis que abrirse: desde o xoves, Pontevedra, Vigo, Compostela, A Coruña e Ferrol nunha xira que, se remata como comezou esta fin de semana, quedará gravada e ben gravada no currículo dos seus protagonistas.

Entrada anterior
Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro preparan un novo programa na Televisión de Galicia
Artigo seguinte
Cafés Siboney celebra os seus 50 anos cunha gran festa en Expocoruña

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Unha estrea de sesión triple
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.