“Desde o teatro podemos buscar outras lecturas do que é Fariña”
Nacho Carretero e Xosé A. Touriñán presentaron na Coruña, acompañados de todo o elenco, a adaptación teatral de Fariña, que iniciará o 25 de outubro unha xira que levará o espectáculo por todo país.

A Coruña acolleu o pasado venres a presentación de Fariña, a adaptación teatral da obra de Nacho Carretero que o xornalista e escritor produce con Xosé A. Touriñán e Ainé Producións. No porto deportivo heculino, e acompañados de todo o elenco do espectáculo e da Alcaldesa, Inés Rey e o Concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, os impulsores do espectáculo explicaron polo miúdo o que o público poderá ver desde o 25 de outubro nos teatros de todo o país.
Nacho Carretero salientou que o traballo na adaptación pretende “achegar algo novo, non ser reiterativos”, e recoñeceu que “o teatro sen dúbida, achega algo novo a Fariña”. O autor da exitosa obra falou tamén de que co espectáculo preténdese “facer folclore e cultura, a partir de algo noso, dunha historia escura, pero que non temos que agochar”.

Xosé A. Touriñán, que ademais de produtor participa como actor no espectáculo, falou da vertixe que desde o inicio sentiu con este traballo: “despois do éxito do libro e da serie de televisión, temos que estar á altura”.
O actor cullerdense asegurou que o equipo técnico e artístico de Fariña é “o mellor, para facer o mellor traballo”, e incidiu na posibilidade de atopar, desde o teatro, novas lecturas do que é Fariña.
“A proposta teatral vai ter tamén comedia, porque houbo comedia neses anos, ata que chegou o drama”.
Tito Asorey, director do espectáculo, explicou algunhas das claves da adaptación: “interésanos tratar o teatro coma un foro, no que os espectadores están convidados a vivir unha experiencia.”. Salientou tamén a posibilidade de que Fariña sexa, no teatro, unha sorte de “encontro para coñecernos máis como sociedade e como pobo”. “Non damos moitas respostas. Trátase de reflexionar sobre como puido pasar isto”, asegurou.

Tanto a Alcaldesa da Coruña, Inés Rey, como o Concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, amosáronse orgullosos por acoller no Teatro Colón a estrea do espectáculo o 25 de outubro, e valoraron o sensacional equipo técnico e artístico da produción.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Amoriños’ amplía a súa segunda xira con novas datas e funcións
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo suma novas paradas na súa xira de primavera, incluíndo no percorrido a Vilagarcía, Santiago, Ourense, Cee e Narón.
Xosé A. Touriñán inicia este venres o percorrido estatal do seu monólogo
O cómico actúa esta semana no Teatro Arlequín Gran Vía, primeira parada dunha serie de funcións que o levarán tamén por Bilbao, Barcelona e Oviedo nos próximos meses.
‘Amoriños’ prepárase para unha primavera de amor sobre as táboas
Tras unha primeira xira con funcións esgotadas, Touriñán e Perdomo regresarán no mes de marzo coa súa última proposta, un espectáculo de citas tolas, improvisación e moito corazón.


