Oferta de traballo: precisamos incorporar unha ou un responsable de administración ao noso equipo
Co comezo de outubro reorganizamos o traballo dos diferentes equipos que formamos parte de Ainé. Nesta ocasión buscamos incorporar un perfil de administración, con coñecementos, pero sobre todo, interese, en medrar con nós nun posto de responsabilidade en tarefas de xestión contable e financeira da nosa empresa.
Iniciamos outubro publicando unha nova oferta de traballo para incorporar ao noso equipo unha ou un responsable de administración. É un posto importante na nosa estrutura, non só pola responsabilidade asociada sempre aos números, senón tamén pola variedade de traballos e proxectos que forman parte do noso día a día.
É por isto que buscamos a alguén con ganas de asumir responsabilidades e entender como traballamos, coa intención de iniciar unha relación profesional de longo percorrido. Como é habitual nas nosas ofertas de traballo, non requerimos experiencia, pero valoramos cousas como o interese, e certo punto de paixón, no mundo da xestión e as tarefas administrativas, o coidado dos procedementos, a orde e o rigor, e ao mesmo tempo a creatividade para buscar boas solucións cando xurden dificultades. Son tamén importantes uns coñecementos mínimos sobre cuestións fiscais, laborais e contables, e moi valorables os coñecementos xurídicos, en especial, relacionados co dereito administrativo -e máis en especial, no sector cultural-.
Será tamén importante o interese polo universo do financiamento de proxectos, en especial, pola tramitación da solicitude de axudas públicas e a súa posterior execución e xustificación.
Sobra dicir que buscamos a unha persoa organizada e capaz de traballar en equipo. Non requerimos máis idiomas que o galego e o castelán, e ofrecemos o posto para unha xornada semanal de 38 horas (xornada partida, pero con dúas tardes libres, e xornada intensiva no verán), presencial, nas nosas oficinas da Coruña.
Polo demais, contrato indefinido, cun salario acorde coa responsabilidade do posto e o perfil da candidata ou candidato. Estamos abertos a coñecer as aspiracións sobre as condicións económicas das persoas interesadas.
Recibiremos propostas ata o 15 de outubro exclusivamente a través da sección Emprego da nosa web, onde poderás deixarnos o teu currículo, unha carta de motivación, ou a mensaxe que consideres: non precisamos nada en particular máis que coñecerte e saber cales son as razóns polas que pensas que encaixas para este posto.
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán súmase a ‘Chisteria Colectiva’, unha das grandes apostas do EMHU 2026
O humorista participa no espectáculo colectivo xunto a outros grandes nomes da comedia estatal, unha estrea absoluta no marco do encontro que xa colgou o cartel de entradas esgotadas para as súas dúas funcións en Palexco.
Ribadeo e Vilalba reciben esta fin de semana o fenómeno ‘Amoriños’
A xira de primavera do espectáculo de Touriñán e Perdomo continúa avanzando con dúas novas paradas que confirman o tirón da proposta, con funcións esgotadas e últimas entradas dispoñibles para Vilalba.
Ainé estrea novas oficinas na Coruña
O equipo da produtora traballa desde comezos deste ano nunha nova sede na rúa María Puga Cerdido, no barrio de Matogrande, deseñada polo arquitecto César García Piñeiro, do estudio ELÓ? e director da Mostra de Arquitectura Rural MARCO, en Vedra.


